O grupo parlamentario En Marea denuncia o uso de voluntariado da Xunta para reducir persoal contratado en festivais privados de música

A Xunta presentou onte unha convocatoria de 20 prazas para o Festival da Luz para traballar gratis a cambio dunha entrada sen cobertura de transporte nin aloxamento
Publicado por o día 28/08/2019 na sección de En Marea,Política

O grupo parlamentario En Marea denuncia o uso de voluntariado da Xunta para reducir persoal contratado en festivais privados de música

Para o grupo parlamentario En Marea o programa SON Voluntario da Dirección Xeral de Xuventude en colaboración coa Asociación Empresarial de Festivais de Galicia, leva funcionando todo o verán como unha práctica encuberta de aforrar custes de persoal a cambio dunha entrada e un certificado de “experiencias voluntarias”.

A deputada Paula Quinteiro, que xa presentou varias preguntas á Xunta no momento en que se anunciou o programa e que continúan aínda sen resposta, considera unha “práctica perversa amparada por unha administración pública que emprega o voluntariado para favorecer o lucro privado”.

Para Quinteiro sería interesante coñecer “cantos postos de traballo se están perdendo con esta proposta de voluntariado que non contempla a realización de ningunha labor altruísta e que nen sequera cubre nin os gastos de aloxamento nin de transporte”.

Dende o grupo parlamentario ínstase á Xunta de Galicia a que, dado que colabora con estas prácticas, cando menos estableza algún tipo de inspección e elabore un informe de cada un dos festivais que se acolleu ao programa este verán para coñecer que tipo de traballo asumiu no evento o persoal voluntario e se foi empregado para substituir postos de traballo remunerados.