PPdeG acusa a AGE de querer sumar a Citröen na súa lista negra de empresas galegas

Publicado por o día 15/05/2015 na sección de Galicia,Partido Popular,Vigo

– O portavoz de Emprego, Miguel Tellado, dixo que o PP “seguirá traballando polo sector da automoción buscando actividade e fomentando a creación de postos de traballo”.

– Tellado destacou a importancia deste sector na economía galega: factura 7.700 millóns de euros, supón 40.000 empregos entre directos e indirectos e representa o 30 por cento das exportacións galegas.

O portavoz de Emprego do Grupo Popular, Miguel Tellado, acusou hoxe aos deputados de AGE de “facer unha lista negra de empresas galegas, como Reganosa, Ence, Povisa, as térmicas de As Pontes, Meirama ou a eólica mariña de Ferrol, á que agora queren sumar Citroën”. “O Partido Popular continuará traballando polo sector da automoción galego buscando actividade e fomentando a creación de postos de traballo, a través do desenvolvemento do Plan de Acción para a mellora competitiva 2012-2015, visión 2020 posto en marcha polo actual Goberno galego”, apuntou.

Miguel Tellado acusou a AGE de “fracasar no seu intento de acusar de todo ao Partido Popular e por esa razón agora se presentan ás eleccións municipais con outras marcas, que se corresponden cos restos do naufraxio da esquerda radical galega”. “Non son mareas, nin marcas, nin cidadáns, son coñas mariñeiras”, apuntou.

SEGUIR CO IMPULSO

Na súa intervención, Tellado destacou a importancia do sector da automoción na economía galega: factura 7.700 millóns de euros, supón 40.000 empregos entre directos e indirectos, representa o 30 por cento das exportacións galegas e no que o sector dos complementos facturou un 6 por cento máis que o ano anterior.

“Todo isto gracias ao apoio inequívoco da Xunta, que vai seguir impulsando este sector como o fai co resto dos sectores estratéxicos”, avanzou o portavoz popular.

Tellado lembrou o recente acordo asinado entre a dirección da planta viguesa de Citroën e o sindicato maioritario, que representa o 60 por cento do cadro de persoal. Neste sentido, afirmou que “o Goberno galego debe apostar e aposta polo diálogo para construír solucións de consenso que permitan saír adiante dentro dun marco racional e pacífico”.

Respecto do proxecto para o modelo K9, Miguel Tellado reiterou que “suporá un investimento superior a 500 millóns de euros e unha importante actividade para os vindeiros dez anos, que servirá de impulso tanto para a factoría viguesa como a industria auxiliar”.

PRENSA GRUPO POPULAR PARLAMENTARIO