O Grupo Popular acusa á oposición de instar á Xunta a “prevaricar” para favorecer nos concursos públicos ao centro ocupacional de San Francisco

Publicado por o día 21/11/2014 na sección de Partido Popular,Política

O Grupo Popular acusa á oposición de instar á Xunta a “prevaricar” para favorecer nos concursos públicos ao centro ocupacional de San Francisco

– Dorado recoñeceu “o labor que vén desempeñando Agasfra” pero lamentou “a situación que está a vivir e somos os máximos interesados en atopar unha solución”

 O deputado do Grupo Popular Javier Dorado acusou hoxe aos grupos da oposición de instar á Xunta de Galicia a “prevaricar” para favorecer nos concursos públicos ao centro ocupacional San Francisco de Vigo. “Lamentablemente, os concursos públicos non se resolven segundo a carga sentimental, senón segundo os requirimentos legais que marcan os pregos e, por ende, a lexislación vixente”, concretou.

Javier Dorado recoñeceu “o labor que vén desempeñando o centro ocupacional San Francisco, unha institución recoñecida por todos”.

Por este motivo, afirmou que “lamentamos a situación que está a vivir e somos os máximos interesados en atopar unha solución, pero non  podemos actuar á marxe da legalidade”.

APOIO DA XUNTA DE GALICIA

“Existe unha lei que di que este tipo de prazas non se poden concertar a través dun convenio, senón a través dun concurso público e aberto, polo que, á marxe de que nos guste máis ou menos o resultado, temos que ser neutrais e non prevaricar”, indicou.

O deputado popular salientou que “a Xunta ten que apoiar, apoiou e apoiará o desenvolvemento do labor social que desenvolve este centro” e puxo como exemplo os cinco convenios asinados entre 2009 e 2014, a partida de 280.000 euros para mantemento deste ano ou as 85 prazas concertadas.

Dorado manifestou que “ningún usuario vai quedar desamparado e sen servizo”, porque afirmou que Vigo dispón de 560 prazas concertadas en dez centros, dentro dunha oferta en toda a Comunidade galega que supera as 4.000 prazas concertadas en 124 centros.

PRENSA GRUPO POPULAR GALICIA