O Grupo Popular afirma que a Xunta ten previsto aprobar o Plan Reitor do Parque Nacional das Illas Atlánticas no último trimestre deste ano

A deputada Marián García considerou que “non é o momento nin é necesario constituír a comisión de cooperación sobre a illa de Ons que demanda o BNG porque o traballo do Plan Reitor xa está moi avanzado”.
Publicado por o día 04/07/2018 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

O Grupo Popular afirma que a Xunta ten previsto aprobar o Plan Reitor do Parque Nacional das Illas Atlánticas no último trimestre deste ano

A deputada do Grupo Popular Marián García Míguez avanzou hoxe no Parlamento a previsión de que a Xunta aprobe no último trimestre deste ano o Plan Reitor de usos e xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas, un documento consensuado con todos os sectores implicados e que recollerá todas as actuacións que se poderán realizar e os investimentos que poderán executarse.

No debate dunha iniciativa do BNG sobre a dotación de servizos á illa de Ons, Marián García sinalou que o Plan Reitor das Illas Atlánticas “será a folla de ruta, cunha vixencia de dez anos, na que se detallarán os obxectivos e os criterios de xestión deste parque nacional, establecendo a normativa de protección e a regulación de aproveitamentos, entre outras cuestións”.

COMPATIBILIZAR USO PÚBLICO E CONSERVACIÓN

“Este plan establecerá todas e cantas actividades están permitidas e prohibidas tanto na illa de Ons como das demais illas que forman parte do parque nacional, así como a previsión de investimentos a realizar”, concretou.

Deste xeito, a deputada popular considerou que “non é o momento nin é necesario constituír a comisión de cooperación que demanda o BNG porque o traballo xa está moi avanzado, e ademais todas as cuestións que abordaría esta comisión xa están incorporadas no Plan Reitor, un documento que conta coa colaboración e participación de concellos, grupos ecoloxistas, veciños, sector pesqueiro e sector turístico”.

“A finalidade do Plan Reitor é compatibilizar o uso público e as actividades recreativas e deportivas cos obxectivos de conservación do parque nacional, así como ordenar e facilitar o goce do visitante baseado nos valores do parque de modo que se compatibilice coa súa conservación”, indicou.