O Grupo Popular afirma que “é o Goberno galego o que ten que decidir onde investir os cartos do superávit”

Por o 02/04/2019 | Sección: Partido Popular,Política
O Grupo Popular afirma que “é o Goberno galego o que ten que decidir onde investir os cartos do superávit”

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, afirmou onte que “Galicia ten unhas necesidades e é o Goberno galego o que ten que decidir onde investir os cartos do superávit de 2018”. “Pedro Sánchez non pode dicir onde ten que investir Galicia, máxime cando non coñece as necesidades desta comunidade porque foi a única que non visitou como Presidente do Goberno “, apuntou.

Paula Prado explicou que este superávit “non se produce porque Galicia non gastara o previsto, senón porque fixo unha previsión de ingresos que se superaron ao longo do pasado ano, ao tempo que cumpría co compromiso de déficit e débeda públicos”. Neste sentido, amosou a súa satisfacción porque o Goberno do Estado “rectificara a súa postura inicial” respecto da autorización ás comunidades autónomas para gastar ese superávit, aínda que lamentou que “reducira esa cantidade dos 125 millóns de euros que contabilizou a Xunta aos 104 millóns de euros”, polo que demandou que “rectifiquen novamente e incorporen eses 21 millóns de euros que lle corresponden a Galicia”.

Así mesmo, a viceportavoz popular criticou que “o Goberno de Sánchez vaia retrasar a posibilidade de gastar este superávit ata que se realicen novas comprobacións sobre o cumprimento da regra de gasto, ademais de limitar a utilización destes cartos para investimentos e non para aumentar as prazas de persoal sanitario”.

“Esperamos que, do mesmo xeito que o Goberno de Sánchez deu o seu brazo a torcer coa autorización para gastar o superávit de Galicia, tamén atenda a demanda realizada polo Presidente Feijóo respecto doutras partidas pendentes para Galicia, como a devolución dos 200 millóns de euros correspondentes ao IVE de 2018 ou os 170 millóns de euros das compensacións correspondentes ás liquidacións negativas dos anos 2008 e 2009 polo cumprimento nos anos 2017 e 2018 dos compromisos de déficit e débeda por parte da Comunidade galega”, apuntou.

QUEBRA DO PRINCIPIO DE SEGURIDADE XURÍDICA

Paula Prado tamén amosou a preocupación dos deputados do Grupo Popular pola situación de incerteza que vive a factoría de Ence en Pontevedra logo do cambio de postura adoptada pola Avogacía do Estado ao allanarse aos recursos xudiciais presentados contra o acordo adoptado pola Administración Xeral do Estado de prorrogar a concesión desta empresa en Lourizán.

“Están en xogo os ingresos de máis de 80.000 familias e máis de 5.000 postos de traballo, polo que demandamos unha rectificación da Avogacía do Estado”, sinalou a viceportavoz popular, quen considerou que esta decisión “quebra o principio de seguridade xurídica e confianza lexítima que debe prevalecer nun Estado de Dereito, xa que unha resolución que foi ditada no seo da instrución dun procedemento administrativo debe de continuar a ser defendida pola propia Administración Pública que a ditou, neste caso a Avogacía do Estado”.

Prado considerou que “estamos diante dun novo caso de interferencia partidista no traballo da Avogacía do Estado, chegando ao punto de desautorizar de forma absoluta á  Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar, con consecuente descrédito institucional e a xeración de inseguridade xurídica noutros ámbitos como conserveiras ou depuradoras”.

Respecto da situación de Alcoa, Paula Prado manifestou que “o Goberno de Sánchez debe actuar porque xa non ten escusas” e reiterou que “sen un prezo eléctrico que xere estabilidade e confianza ás empresas, ningún investidor presentará a súa oferta pola empresa”.

Neste sentido, criticou que “por facer partidismo e intentar atacar ao Goberno do PP se estea a xogar con miles de postos de traballo en Galicia”, porque incidiu que “só hai un camiño: aprobar un estatuto que aporte certezas á industria electrointensiva”.

Paula Prado tamén amosou a satisfacción pola autorización do Goberno do Estado para  a sinatura do acordo de construción das fragatas F-110 nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol, aínda que lamentou que este acordo chegue con nove meses de retraso para facer electoralismo, logo de que xa estivera aprobado polo anterior Goberno do PP”.

ANUNCIOS QUE NON SE MATERIALIZAN

Para rematar, a viceportavoz popular referiuse ás “largas que o Goberno de Pedro Sánchez está dando aos novos xulgados do social de Santiago e Lugo” “O delegado do Goberno fai anuncios que despois non se materializan en notificacións oficiais nin á Xunta nin aos propios concellos”, sinalou Prado, polo que demandou “responsabilidade” neste asunto porque “a dignidade dos galegos está moi por enriba da dignidade do delegado do Goberno, que defende o indefendible poñendo sempre por enriba os intereses do Goberno socialista”.

“Sería a primeira vez que o Goberno do Estado desoe ás demandas da Comisión Mixta da Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que son quen realmente coñecen as necesidades xudiciais na Comunidade galega, e no caso dos xulgados do social de Santiago e Lugo sería a mellor forma para axilizar os procedementos neste ámbito que están atascados”, indicou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.