O Grupo Popular garante que a futura Cidade Deportiva do Celta en Mos “só será posible se cumpre todos os requisitos legais”

“Estase a descualificar unha actuación urbanística absolutamente normal a través da manipulación de datos, ocultando información e intoxicando aos veciños”, indicou
Por o 21/11/2018 | Sección: Galicia,Mos,Partido Popular,Política
O Grupo Popular garante que a futura Cidade Deportiva do Celta en Mos “só será posible se cumpre todos os requisitos legais”

O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos garantiu hoxe no Pleno do Parlamento que “a futura Cidade Deportiva do Celta en Mos só será posible se cumpre todos os requisitos legais”. Así mesmo, criticou o “cinismo dos socialistas ao sinalar que esta infraestrutura atacará ao pequeno comercio de Vigo, cando desde o Concello vigués autorizaron grandes superficies comerciais como Vialia, Valadares, Recaré ou a futura de Porto Cabral”.

No debate dunha proposición non de lei do BNG sobre a aprobación dunha modificación puntual do plan urbanístico do Concello de Mos para executar este proxecto deportivo e comercial nas parroquias de Tameiga e Pereiras, Pazos sinalou que “estase a descualificar unha actuación urbanística absolutamente normal a través da manipulación de datos, ocultando información e intoxicando aos veciños”.

NON SE CONSIDERA A EXPROPIACIÓN FORZOSA

Neste sentido, o deputado popular lembrou que “a propia alcaldesa de Mos xa ten expresado que non considera a expropiación forzosa dos terreos unha ferramenta válida para este proxecto e que ten que ser por consenso, ao tempo que os grupos da oposición tamén están a ocultar que o Celta de Vigo

oferta unha permuta de 360.000 metros cadrados de monte reforestado polos 180.000 metros cadrados de monte común que precisa para o seu proxecto”.

Alberto Pazos sinalou que “as autorizacións urbanísticas son actos regrados de obrigada concesión sempre que se cumpran os requisitos legais, do mesmo xeito que a paralización do proxecto será obrigada se non se compren as normas vixentes”.

Respecto da posible afectación deste proxecto deportivo e comercial no pequeno comercio da área de Vigo, o deputado popular subliñou que a Xunta “vai seguir apostando por mellorar a súa competitividade para garantir o seu futuro”.

Así, criticou “o cinismo” dos socialistas, “que por unha banda están a poñer todas as trabas posibles á construción desta futura área deportiva e comercial coa escusa de que prexudicará aos pequenos comerciantes, pero por outra parte autorizan ata catro novas grandes áreas comerciais na cidade de Vigo”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.