O Grupo Popular pedirá no Pleno ao Goberno central que convoque a Mesa das Pontes e que facilite o retorno de españois

O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana dúas proposicións non de lei a través da que se demanda con urxencia ao novo Goberno central que convoque a Mesa das Pontes, para establecer a folla de ruta que garanta un futuro para as 750 familias que dependen da actividade da central térmica; e que flexibilice e simplifique a obtención de permisos de residencia e traballo para as parellas mixtas ou con fillos retornadas a Galicia e sen nacionalidade, así como a homologación dos seus títulos universitarios, o troco do carné de conducir ou suprima taxas de expedición do pasaporte ou doutra documentación requirida para o seu retorno.
Publicado por o día 21/01/2020 na sección de Partido Popular,Política

O Grupo Popular pedirá no Pleno ao Goberno central que convoque a Mesa das Pontes e que facilite o retorno de españois

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, explicou que a sesión plenaria dará comezo do debate de totalidade do proxecto de Lei de Ordenación do Territorio en Galicia, unha normativa máis simple, útil, eficiente e práctica que a vixente, apostando por unha simplificación administrativa, tanto do número de figuras coma no procedemento da súa tramitación.

A continuación, terá lugar a comparecencia a petición propia do vicepresidente da Xunta para informar da Axenda Galicia formulada polo Goberno galego diante do Goberno central para a súa concreción e execución. “Son cuestións que quedaron pendentes como consecuencia da situación política nacional e que comezan a agravarse, pero agora xa se poden resolver e mesmo algunhas o propio Goberno de España dixo que as ía resolver unha vez se constituíra o novo goberno”, sinalou Puy.

DIÁLOGO LEAL

O portvoz popular reiterou a disposición do Goberno galego a un “diálogo leal e unha cooperación institucional para solventar todas estas cuestións, que afectan ás relacións financeiras coas comunidades autónomas; ás infraestruturas, como o remate das obras do AVE ou a transferencia ou rebaixa das peaxes da AP-9; á situación das industrias galegas, especialmente as electrointensivas e as térmicas; e outros proxectos importantes para Galicia, como a celebración do vindeiro Xacobeo 2021”.

“Estamos a falar de prioridades para Galicia, xa que o Goberno galego está tomando todas aquelas decisións para dar resposta aos problemas de Galicia, pero contrasta coa situación de parálise que sufriu o Goberno central”, indicou. Deste xeito, apuntou que “trátase dunha comparecencia relevante e confiamos que o resto dos grupos estean á altura das circunstancias”.

Respecto das dúas proposicións non de lei do Grupo Popular que se debaterán no vindeiro Pleno, a primeira ten como obxectivo esixir ao Goberno de España a convocatoria urxente da Mesa das Pontes para establecer unha folla de ruta que garanta o futuro da central térmica de Endesa, no aceptando a tramitación do expediente de peche presentado pola empresa ata que conclúan as probas con distintas mesturas de combustibles e existan alternativas viables para o mantemento do emprego.

FRONTE COMÚN PARA TRANSICIÓN ENERXÉTICA XUSTA

Pedro Puy avogou por “facer unha fronte común para unha transición enerxética xusta” e lamentou que “en ningún dos acordos de goberno asinados polo Partido Socialista con Podemos ou o BNG figure referencia algunha ao expediente de peche desta factoría”. “Se hai a posibilidade de que Endesa siga funcionando, o expediente de peche non se debe tramitar ata que se confirme o resultado das probas que está a facer con outros materiais”, manifestou.

A segunda proposición non de lei do Grupo Popular solicita ao Goberno central medidas que faciliten o retorno de españois e das súas familias, como flexibilizar e simplificar a obtención de permisos de residencia e traballo, a homologación de títulos universitarios, o troco do carné de conducir ou a supresión das taxas de expedición de pasaporte ou doutra documentación requirida.

GALICIA, LUGAR PARA TRABALLAR

“Para o PPdeG é importante aproveitar a oportunidade que nos brinda o feito de que existan persoas que ven en Galicia un lugar para traballar mellor, para as que a Xunta dispón de programas que facilitan o seu retorno pero que chocan con problemas de burocracia que dependen do Estado”, dixo Puy.

Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola súa valoración dos anuncios do Goberno de España en materia enerxética e a súa correspondencia cos asuntos máis urxentes e prioritarios fixados para Galicia en relación coa industria; as xestións que ten feito desde que coñeceu a decisión do Goberno español de deixar sen servizo de venta de billetes presencial a oito estacións ferroviarias galegas; ou sobre as novas actuacións de mellora no Hospital de Verín.