O Grupo Popular presentará iniciativas no Parlamento pedindo ao Goberno central apoio para o Xacobeo e un reparto transparente dos fondos europeos

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, avanzou hoxe a presentación de iniciativas no Parlamento galego para insistir na demanda ao Goberno central de transparencia e obxectividade no reparto dos fondos europeos, así como investimentos e apoios para a celebración do Xacobeo 2021, que agora vaise estender ao longo de todo o 2022.

Paula Prado salientou que “iniciamos este Xacobeo 2021 coa excelente noticia da prolongación do Ano Santo a 2022”, anuncio realizado o pasado xoves polo nuncio da Súa Santidade o Papa en España. “Á marxe da importancia confesional e devota que ten esta ampliación do Ano Santo, que só ten un precedente en 1937, esta prórroga ten unha gran importancia a nivel social e económico para a Comunidade galega, que vai ter a posibilidade de afrontar a recuperación da pandemia co respaldo que supón un Xacobeo ampliado para a chegada de turistas e peregrinos”, sinalou.

AGRADECEMENTO

Deste xeito, a viceportavoz popular trasladou “o noso agradecemento máis sincero á súa Santidade o Papa por atender as demandas realizadas tanto polo arcebispo de Santiago, Julián Barrio, como polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para a ampliación do Ano Santo”.

Porén, Paula Prado lamentou que “esta importante nova non ven acompañada dun compromiso firme por parte do Goberno central para colaborar na organización do Xacobeo 2021-2022, xa que desbotou incluír nos orzamentos para o presente ano partida algunha para este evento, a pesar das emendas presentadas polo Grupo Popular no Congreso e das insistentes demandas realizadas desde a Xunta”. Así mesmo, lembrou que o Parlamento galego aprobou no seu último Pleno unha proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular, á que se abstivo o Grupo Socialista, a través da que se solicita unha partida económica de alomenos 30 millóns de euros para a promoción do Ano Xacobeo en Galicia.

“Seguiremos insistindo con novas iniciativas neste Parlamento galego, máis agora que se prorroga o Ano Santo ata 2022, para que o Goberno de Pedro Sánchez recapacite e teña a ben destinar investimentos e apoios para a celebración do Xacobeo 2021-2022, que debe ser unha punta de lanza fundamental para que Galicia supere a crise económica que sufrimos pola pandemia sanitaria do coronavirus”, sinalou.

UTILIZACIÓN PARTIDISTA FONDOS EUROPEOS

Por outra banda, Paula Prado cualificou de “lamentable a utilización partidista que o Goberno de Pedro Sánchez está a facer da distribución dos fondos europeos para a crise da Covid-19, desoíndo tanto as recomendacións que lle fan desde a Unión Europea como os criterios básicos de financiamento autonómico”.

En concreto, lembrou que “dos primeiros 10.000 millóns de euros que repartiu o Goberno central, a Galicia só lle concedeu 441 millóns, o que representa o 4,4 por cento, moi lonxe do 5,7 por cento que nos correspondería polo peso da poboación ou do 5,2 por cento polo peso de Galicia no PIB nacional”.

Diante desta situación, anunciou que desde o Grupo Popular “imos presentar no Parlamento galego iniciativas que incidan, do mesmo xeito que o manifesta a proposición non de lei xa aprobada, co voto en contra dos socialistas galegos, nun sistema de reparto dos fondos europeos baseado na transparencia e na obxectividade, tendo en conta os principios de subsidiariedade e goberno multinivel; de concorrencia competitiva; e de cohesión social e territorial”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM