O Grupo Popular reitera que o Eixo Atlántico Ferroviario contará co sistema de seguridade ERTMS a finais de 2016, logo dun investimento de 57 mill.

Publicado por o día 07/05/2015 na sección de Partido Popular,Política

O Grupo Popular reitera que o Eixo Atlántico Ferroviario contará co sistema de seguridade ERTMS a finais de 2016, logo dun investimento de 57 mill.

– “Namentres, este tramo seguirá a ser xestionado mediante o sistema ASFA Dixital e limitándose a velocidade dos trens a un máximo de 200 quilómetros/hora, cumprindo todos os requisitos técnicos e os estándares internacionais de seguridade ferroviaria”, apuntou.

O deputado do Grupo Popular Jesús Goldar salientou hoxe no Parlamento a aposta do Goberno central e de ADIF-Infraestruturas pola seguridade no transporte ferroviario e mostra disto é que España “é o país europeo cun maior grao de implantación do sistema ERTMS”. Respecto ao Eixo Atlántico A Coruña-Santiago e Santiago-Vigo avanzou que este sistema de xestión do tráfico ferroviario estará operativo a finais do vindeiro ano 2016, logo dun investimento superior aos 57 millóns de euros.

Goldar sinalou que, segundo a planificación europea, “a adopción do ERTMS no Eixo Atlántico ten consideración de “implantación nacional adicional e voluntaria”, fronte a corredores onde a planificación comunitaria si que require a súa implantación”.

CUMPRINDO ESTÁNDARES INTERNACIONAIS DE SEGURIDADE

Neste sentido, lembrou que o pasado 7 de abril de 2015 publicouse no BOE a resolución de ADIF-Alta Velocidade pola que se anunciou a licitación do contrato de execución para a implantación do sistema de protección do tren ERTMS no Eixo Atlántico, no tramo Vigo-Santiago de Compostela e no tramo Santiago de Compostela-A Coruña. ”Son case 57 millóns de euros e inclúe a instalación do sistema ERTMS na estación de Santiago de Compostela, no tramo de entrada dende Ourense, liña 822, e na liña 842 e que estará operativo a finais do ano próximo”, concretou.

“Namentres, este tramo seguirá a ser xestionado mediante o sistema ASFA Dixital e limitándose a velocidade dos trens a un máximo de 200 quilómetros/hora, cumprindo todos os requisitos técnicos e os estándares internacionais de seguridade ferroviaria”, explicou o deputado popular.

ENTRADA A SANTIAGO

Respecto da entrada a Santiago, Jesús Goldar reiterou que “o feito de que non posúa aínda o sistema ERTMS non supón necesariamente unha redución da seguridade da liña”. ”Esta é unha evidencia científica non opinable, e se quen a cuestiona é aínda por riba persoa inexperta ou carece da pericia esixible, entón convértese a afirmación nunha temeridade”, engadiu.

Para rematar, Jesús Goldar afirmou que, con motivo do accidente de Angrois, “se teñen reforzado as medidas de seguridade, creándose unha nova figura en materia de sinalización ferroviaria denominada Transición Significativa de Velocidade, que implicou a instalación de novos sinais, coas súas balizas asociadas, nos puntos especialmente sensibles, como é o caso do tramo de entrada á estación de Santiago de Compostela”.

PRENSA GRUPO POPULAR