O Grupo Popular salienta “a implicación e o traballo da Xunta ante a sobrepoboación de xabaril, un desafío para toda Europa”

O deputado do Grupo Popular Miguel Prado Patiño salientou hoxe “a implicación e o traballo que vén desenvolvendo a Xunta de Galicia ante a sobrepoboación de xabarís, un problema que non é exclusivo de Galicia, porque supón un desafío a nivel europeo para artellar medidas que permitan manter o equilibrio da especie e a práctica da caza”.
Publicado por o día 03/09/2019 na sección de Partido Popular,Política

O Grupo Popular salienta “a implicación e o traballo da Xunta ante a sobrepoboación de xabaril, un desafío para toda Europa”

“Tanto Unións Agrarias como o propio Partido Socialista son perfectamente coñecedores, pola información que lles facilita directamente o Goberno galego, das numerosas accións postas en marcha pola Xunta para controlar a sobrepoboación do xabaril, así como para paliar e compensar os danos que provoca”, sinalou o deputado popular.

PROTAGONISMO

En concreto, criticou que Unións Agrarias “queira ganar protagonismo neste asunto a través da presentación dunha iniciativa non lexislativa popular cando xa forma parte do grupo de traballo multidisciplinar creado pola Xunta na busca de novas medidas, paliativas e preventivas, que combinen a xestión do xabaril, mantendo o aproveitamento cinexético e minimizando os danos aos cultivos”.

Miguel Prado concretou que a través deste grupo de traballo xa está a procedendo á identificación das zonas de Galicia con máis presenza de xabarís, “pero o que resulta máis complicado é elaborar un censo desta especie pola súa propia fenoloxía, xa que estamos a falar dun animal silvestre e con comportamentos moi pouco estables e predecibles”.

Así mesmo, o deputado popular subliñou que a Xunta convocou este ano tres liñas de axudas, por importe de 1,4 millóns de euros, para establecer medidas de prevención das especies de fauna silvestre, así como para paliar os danos que provocan sobre os cultivos ou nas explotacións gandeiras.

MEDIDAS CONCRETAS

Entre as medidas implantadas para controlar o xabaril tamén figura a ampliación nun mes do período hábil de caza, a redución do número mínimo de cazadores esixido para as batidas (que pasou de 10 a 8) ou a autorización de batidas puntuais en zonas concretas. Neste sentido, Miguel Prado referiuse á experiencia piloto levada a cabo na cidade de Lugo e a súa contorna coa autorización de esperas continuas por parte de arqueiros profesionais ou a instalación de gaiolas trampa para o control dos danos que provoca o xabaril nas explotacións agrogandeiras.

“Pero a Xunta non é a única administración competente ante este problema”, subliñou o deputado popular, quen lembrou que “os concellos tamén deben adoptar medidas preventivas e de limpeza para evitar o achegamento destes animais, coa execución de rozas de silveiros, toxeiras e matogueiras que proporcionan condicións óptimas para o encame e refuxio desta especie”.