O Grupo Popular salienta o compromiso do Goberno galego para crear 40 novas prazas de fisioterapeuta na atención primaria

A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo subliñou hoxe no Pleno do Parlamento o compromiso asumido polo Goberno galego de crear 40 novas prazas de fisioterapia na atención primaria galega. “Na Consellería de Sanidade sábese da importancia e do indubidable valor que aportan os profesionais de fisioterapia do Servizo Galego de Saúde, fundamentalmente no ámbito da atención á patoloxía crónica e na prevención da patoloxía músculo-esquelética”, apuntou.
Publicado por o día 07/05/2019 na sección de Partido Popular,Política

O Grupo Popular salienta o compromiso do Goberno galego para crear 40 novas prazas de fisioterapeuta na atención primaria

Encarna Amigo lembrou que un dos grupos de traballo establecidos para avanzar na mellora do modelo de atención primaria en Galicia contou coa participación dos fisioterapias, representados tanto pola Sociedade Galega de Fisioterapia (Sogafi), como polo Colexio de Fisioterapia de Galicia (Cofiga).

 

COMPROMISOS

 

Logo das reunións mantidas desde o pasado mes de decembro, a Consellería de Sanidade asumiu varios compromisos, entre os que figuran a inclusión do fisioterapeuta de forma funcional como un membro máis do equipo básico de atención primaria, de forma que participe nas cuestións relacionadas coa fisioterapia no centro de saúde.

 

Tamén se recolle o recoñecemento da autonomía do fisioterapeuta no seu desenvolvemento profesional neste nivel asistencial, sempre tendo en conta a necesaria coordinación entre as unidades de fisioterapia de atención primaria cos servizos de rehabilitación hospitalarios.

 

Encarna Amigo salientou a creación dun “coordinador de fisioterapia de atención primaria, que disporá do tempo necesario e a correspondente diminución da carga asistencial para desenvolver todas as tarefas relacionadas co seu cargo”.

 

Por último, a deputada popular indicou que “se elaborará unha nova guía de actuacións de fisioterapia en atención primaria, pedra angular e referencia escrita do desenvolvemento do novo modelo, co obxectivo de acadar un documento no que se reflicta o que a fisioterapia pode aportar e solucionar neste primeiro nivel asistencial, e que ademais servirá para mellorar a súa relación profesional”.