O feito de que na maioría dos rescates acuáticos non sexa posible manter a distancia de seguridade, sumado á exposición a secrecións respiratorias que estes implican, fan que os e as socorristas sexan un colectivo cunha elevada exposición a un posible contaxio da covid-19. Reunir unha serie de recomendacións e pautas de actuación que permitan a estes profesionais minimizar ese risco de contaxio é o obxectivo do artigo que o responsable do grupo Remoss da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Roberto Barcala, realizou xunto con investigadores das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Barcelona e expertos de servizos de emerxencias e da Sociedade Brasileira de Salvamento Acuático. Publicado este luns pola Revista Española de Salud Pública, que edita o Ministerio de Sanidad, trátase, como explica este docente, “do primeiro artigo científico a nivel internacional sobre saúde laboral e prevención de contaxios por covid-19 en socorristas”. Nel, analizan o grao de risco que implican as diferentes tipoloxías de rescate acuático e propoñen unha adaptación do “algoritmo de soporte vital básico” do Consello Europeo de Resucitación (ERC, polas súas siglas en inglés), poñendo o foco na importancia, fronte a un afogamento, das “ventilacións de rescate”, que deberán realizarse cun balón resucitador, filtro HEPA e equipo de protección persoal (EPI) completo.
Xunto con Barcala, como autor principal, asinan o artigo os investigadores Silvia Aranda, da Universitat de Barcelona; Cristian Abelairas e Santiago Martínez, do grupo Clinursid, da USC; José Palacios, da UDC; David Szpliman, da Sociedade Brasileira de Salvamento Acuático; Fernando López, do Servicio Municipal de Emerxencias de Pinto, e Andoni Oleagordia, da Dirección de Protección Civil e Emerxencias de Bilbao. Nel buscan ofrecer aos e ás socorristas “información estruturada” respecto de como deberían adaptar os procedementos “nos que o contacto é inevitable” , facer uso dos EPI e dar prioridade a métodos de rescate que impliquen unha menor exposición a un posible contaxio. Trátase, como sinala Barcala, dunha serie de “recomendacións baseadas en evidencias, a partires de estudos científicos previos, pero tamén por consenso de expertos, xa que falamos dunha situación nova”. O artigo, “que foi revisado externamente”, engade Barcala, continúa a liña e actualiza o documento previo Servicios de socorrismo: adaptaciones en prevención, rescate y primeros auxilios frente a covid-19, xa que “unha das cousas que estamos vendo co virus é que os documentos van ser actualizados moi rápido, conforme aparecen novas evidencias”.
Como reanimar na “era covid-19”
Os afogamentos, lémbrase no artigo, constitúen un “problema de saúde pública que supón a terceira causa de morte a nivel mundial por lesión non intencional”, e fronte a estes as manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) xogan un papel determinante. Coa aparición da covid-19, as recomendacións da ERC respecto desta manobra poñen o foco na realización de compresións torácicas, dado que “as ventilacións poden ser moi contaxiosas”. Non obstante, no caso concreto dos afogamentos, “a parada cardíaca é de orixe asfictico”, prodúcese por falta de osíxeno, o que fai que as “ventilacións sexan o que che salva a vida”, lembra Barcala. De aí que no artigo presenten unha adaptación do protocolo de reanimación fixado pola ERC no 2015 para o caso concreto de afogamentos, adaptándoo á realidade da “era covid-19”.
Concretamente, a proposta deste grupo de expertos pasa en primeiro termo por realizar unha “valoración da respiración á distancia, sen achegarse á cara da vítima e situados a barlovento desta”, para logo, trala colocación dos EPI, realizar cinco ventilacións de rescate empregando un balón resucitador cun filtro antiviral HEPA, antes de comezar coas compresións. A manobra, explican, debe ser realizada por dous socorristas e nela “é de vital importancia a fixación correcta da máscara” para evitar un maior risco de contaxio, o que leva a Barcala a pór o acento na necesidade de que as e os profesionais poidan adestrarse previamente no seu manexo. “O cambio fundamental”, engade Barcala, atópase “na posición dos reanimadores, a barlovento da vítima, pois na praia o vento é un factor que hai que ter en conta no referido á diseminación das pingas e aerosoles, e no inicio do protocolo con ventilacións tras vestir o EPI para combater a hipoxia”.
Rescates con maior ou menor risco
“Eliminar completamente o risco nunha contorna de rescate acuático non é posible”, salientan os autores deste artigo que, partindo desa idea, avalían o grao de risco que implican diferentes tipos de rescate. “A preferencia será o que se realiza desde fóra da auga ou usando embarcacións”, que fan posible o uso de EPI, explican. Nese senso, cualifican como intervencións de “risco baixo” aquelas que, con vítimas conscientes, poidan realizarse desde fóra da auga, achegándolles materiais de flotación, valéndose, por exemplo, do uso de drons. De “risco medio” serían as realizadas a bordo de embarcacións ou motos acuáticas, que, “deberían ser a opción preferente” cando sexa preciso intervir dentro da auga. Pola contra, “o rescate corpo a corpo está completamente desaconsellado”, por ser o que implica un maior contacto, á vez que impide o uso dos EPI.
Por outra banda, o artigo aborda tamén aquelas situacións nas que sería viable o uso de EPI e daquelas nas que elementos propios do socorrismo “poderían ofrecer unha protección engadida”. Así mesmo, aborda como deberían ser os espazos de atención destes profesionais, recomendando o uso de torres elevadas e a separación da zona común da de asistencia.
Na praia, cal sería a distancia social correcta?
Outra das recomendacións que trasladan aos profesionais é a de ampliar o distanciamento entre persoas máis aló dos dous metros, en praias de moito aforo, debido á habitual presenza de vento nos areais. Neste punto, o artigo fai referencia a un estudo levado a cabo recentemente polos investigadores da Universidade de Nicosia Talib Dbouk e Dimitris Drikakis, que demostraron que, con ventos de catro quilómetros por hora, as gotas de saliva poden percorrer seis metros en cinco segundos.
Non obstante, estas simulacións foron realizadas cunhas condicións ambientais diferentes ás dunha praia no verán, motivo polo que o grupo Remoss traballa cos investigadores chipriotas na realización “dunha simulación para a área atlántica e mediterránea en verán”, que teña en conta as particularidades que implican os areais, como o feito de que neste convivan persoas de pé, sentadas e deitadas. Á espera do que os resultados desta análise poidan amosar respecto de cales serías as distancias idóneas nestes espazos, Barcala sinala que a súa aplicación podería pasar por instalar nos areais mangas de vento, que permiten estimar a súa velocidade segundo o número de círculos que se eleven, de tal xeito que as e os bañistas poidan saber en cada momento se é preciso unha maior ou menor separación.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.