O Grupo Socialista apoia o sector conserveiro galego

Publicado por o día 18/06/2019 na sección de Política,PSOE

O Grupo Socialista apoia o sector conserveiro galego

A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, esixiulle hoxe á Xunta un plan de dinamización económica de 7 puntos para apoiar ao sector industrial dende o financiamento, a formación e a innovación. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Pesca do Parlamento para reclamar o apoio do goberno galego á competitividade do sector en Galicia, pero que foi rexeitada polo PP.

Toja reclamou así un incremento dos recursos do goberno galego dirixidos á innovación, reforzando o I+D+i como vía para reforzar o valor engadido das empresas galegas. Ademais, reivindicou plans de formación tanto para ocupados como para desempregados co obxectivo de incrementar a capacidade competitiva e, finalmente, reivindicou incrementar o financiamento tanto para empresas en dificultades como para a internacionalización.

A responsable socialista explicou que o sector, que factura en torno a 1,7 millóns de euros anuais, posúe unha estratexia empresarial polarizada entre grandes multinacionais altamente desenvolvidas e competitivas e un número elevado de Pemes sen capacidade para reforzar a internacionalización, o desenvolvemento e a innovación. Ademais, explicou, o 18 por cento das empresas concentran o 75 por cento do negocio e o 70 por cento do emprego.

A parlamentaria socialista advertiu neste sentido que o goberno galego dispón de responsabilidades relativas á mellora da competitividade das empresas galegas, e polo tanto tamén no sector da conserva que “precisa urxentemente deste plan de dinamización económica”.

Explicou ademais que a propia UE esixe unhas “condicións de traballo dignas, seguras e saudables”, eliminar as prácticas comerciais de venda por debaixo do custe de produción, e un comercio internacional “aberto e baseado en regras transparentes e xustas”.