O Grupo Socialista critica a intención da Xunta de pechar unha escola en Begonte: “Atopámonos ante un caso inédito en Galicia, o primeiro alcalde que quere pechar un colexio con 30 alumnos”

Luís Álvarez pediu á Consellería de Educación “que non permita que sexan os alcaldes do PP quen reordenen os centros do sistema educativo”
Publicado por o día 27/01/2021 na sección de Política,PSOE

O voceiro de Educación, Luís Álvarez, vén de urxir á Xunta explicacións sobre o peche dunha escola no Concello de Begonte. Fíxoo hoxe, no Pleno do Parlamento, a través dunha pregunta ao conselleiro de Educación.

“Atopámonos ante un caso inédito en Galicia, o primeiro alcalde que quere pechar un colexio con 30 alumnos”, sentenciou o socialista.

O responsable socialista lembrou que recentemente o Concello de Begonte, cun alcalde do PP, anunciou “a intención de solicitar á Consellería de Educación a unificación dos CEIP Virxe do Corpiño e Baamonde nun único centro” para empregar as instalacións do CEIP Baamonde para a creación dun conservatorio de música profesional, cando mesmo se descoñece quen asumiría os gastos de xestión de dito conservatorio.

Álvarez sinalou que este “é un plan de impulso inverso, ou sexa, de retroceso” e pediu á Consellería “que non permita que sexan os alcaldes do PP quen reordenen os centros do sistema educativo”, xa que estas decisións son “moi importantes” e “deben ser avaliadas”.

Así, esixiu “aclarar” as “implicacións e consecuencias últimas da planificación que se está a propoñer”, tendo en conta que supón o peche dunha escola e dado que “son aspectos de extraordinaria transcendencia que se deben aclarar antes de valorar calquera decisión”.

Por último, Álvarez alertou sobre o “progresivo desmantelamento de servizos públicos” no rural “tan necesarios para o mantemento da cohesión social e dos dereitos da poboación”.