O Grupo Socialista lamenta a “falta de anticipación” fronte á covid da Xunta, que está “ a velas vir” e pedindo agora que o goberno “resolva”

Julio Torrado critica que ante o inminente inicio do curso escolar a única decisión do goberno galego sexa dicirlle aos centros educativos “ti vai facendo”
Publicado por o día 18/08/2020 na sección de Política,PSOE

O Grupo Socialista lamenta a “falta de anticipación” fronte á covid da Xunta, que está “ a velas vir” e pedindo agora que o goberno “resolva”

O voceiro de sanidade do Grupo Parlamentario, Julio Torrado, lamentou hoxe a “falta de anticipación” da Xunta ante a evolución da Covid na comunidade, especialmente na área da Coruña. Cunha evolución da pandemia “preocupante en termos de número de contaxios” a Xunta “está a velas vir” e pedindo agora que o Goberno central “resolva” a situación.

Con máis dun centenar de contaxios diarios, “vemos que os mesmos que antes pedían a descentralización das competencias agora están chorando a Madrid”, lamentou Torrado.

Para o voceiro socialista, as contradicións en relación ao número de rastrexadores é unha evidencia desta improvisación. “Ninguén sabe cantos hai, con que criterios se seleccionaron ou como é a súa coordinación”, sinalou Torrado ao tempo que recordou que vén de presentar iniciativas para coñecer cantos rastrexadores se teñen contratado, dado que son “a figura máis importante actualmente na loita contra a covid”. Neste eido, “considerar que cada médico de familia é un rastrexador é unha desfachatez”. E é que a día de hoxe, lamentou Torrado, “ninguén sabe se a Xunta considera rastrexadores a traballadores dun call center, se considera a todos os médicos de Atención Primaria, ou que é o que considera”.

Neste contexto, os socialistas demandan ao goberno galego e ao presidente da Xunta “seriedade e responsabilidade” e lamentan que despois de ter protagonizado unha “ansiedade comunicativa” estando “omnipresente” na televisión, agora estea “agochado e en silencio”. Ao fío disto, o voceiro de Sanidade recordou que o Centro de Coordinación ( CECOP) non se reuniu “ningunha” vez nas últimas seis semanas a pesares da importancia deste órgano institucional na loita contra a pandemia. “Non se entende que este órgano estea desaparecido agora”, concluíu.

Ademais, Torrado censurou que, ante o inminente inicio do curso escolar, a única decisión do goberno galego sexa dicirlle aos centros educativos “ti vai facendo” e que “se pecha algunha escola é normal”. “ A Xunta non pode seguir agochada sen falar de como se afronta a situación”, subliñou.

“QUEREMOS SER PARTÍCIPES”

Fronte a isto, Julio Torrado ofreceu a colaboración do PSdeG porque, como dixo, “queremos ser partícipes” do combate contra o virus, pero lamentou a falla de información oficial por parte da Xunta. O socialista lembrou que, aínda que non estea operativo o Parlamento, o goberno “ten que ser proactivo e convocar aos grupos parlamentarios” para informar e consensuar medidas.

“As galegas e galegos o que precisan nestes intres son certezas e responsabilidade”, concluíu o voceiro de Sanidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.