O Grupo Socialista urxe ao goberno galego a instalar uns novos vestiarios para o persoal do porto de A Pobra: “O estado actual é indecente”

Torrado critica que o PP non apoie a iniciativa socialista cando as instalacións se atopan nun estado “inasumible” e “indigno para calquera persoa traballadora”

Torrado critica que o PP non apoie a iniciativa socialista cando as instalacións se atopan nun estado “inasumible” e “indigno para calquera persoa traballadora”

O deputado arousán Julio Torrado vén de instar á Xunta de Galicia e a Portos de Galicia a executar o proxecto de instalación duns novos vestiarios para o persoal do porto de A Pobra do Caramiñal. Fíxoo a través da presentación dunha proposición non de Lei na Comisión de Pesca do Parlamento, rexeitada polo PP.

“Hoxe en día, o estado dos vestiarios do porto é inasumible, indigno para calquera persoa traballadora”, sentenciou o socialista, quen lamentou tamén os “serios problemas de hixiene” da instalación. Así, subliñou que “non hai maneira de entrar sen avergoñarse”, xa que “os mobles non valerían nin para tirar ao lixo” e “hai suciedade por todos os espazos”.

O responsable socialista sinalou que “non é cuestión de pedir unhas melloras por ser sibaritas, senón que a situación actual é indecente”. Neste senso, destacou que “outros investimentos se fan con menos necesidade” e para o persoal “é fundamental dita instalación”, xa que realizan un traballo “físico”.

Neste senso, Torrado criticou a inacción da Xunta e de Portos de Galicia neste asunto cando “hai necesidade, hai acordo e hai proxecto”, pero o goberno galego “non quere pór os cartos para executarlo”. Así, destacou que “non se pode chantaxear a un porto, empresas e persoal” permitindo aos traballadores e traballadoras “cambiarse á intemperie”.

En canto á proposta do Partido Popular de que sexan as empresas privadas as que leven a cabo a execución da obra, Torrado sinalou que “a solución máis lóxica” é que Portos de Galicia realice esa construción, xa que “non somos partidarios de que unha empresa privada constrúa nun espazo portuario para quedarse en propiedade”.

Torrado sinalou que o propio PP non cuestiona que a Xunta realice un investimento público na instalación dunha infraestrutura como unha estación de autobuses cando quen fai uso de ditas instalacións son empresas de autobuses privadas. Nesta liña, lembrou que o goberno galego lle deu “7 millóns de euros a unha empresa privada, precisamente de A Pobra do Caramiñal, para a instalación dun frigorífico e, se isto é produtivo para o territorio, parécenos ben”.

“Non é de recibo ter que debater no Parlamento de Galicia sobre unha cuestión como esta para chamar a atención de que se faga. É indecente. Son só uns vestiarios”, sentenciou o socialista.

Por último, Torrado sinalou o “amplo consenso” na necesidade de mellora entre o empresariado e lembrou a importancia da execución deste proxecto, cando o porto da Pobra “supón un elemento dinamizar da vida económica e social imprescindible para a vila”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM