O grupo Vicalsa presentará unha oferta para facerse con Vulcano

Publicado por o día 15/11/2019 na sección de Galicia,Naval,Vigo

O grupo Vicalsa presentará unha oferta para facerse con Vulcano

O estaleiro Vulcano recibe a primeira oferta desde que entrou en proceso de liquidación. O grupo Vicalsa amosou o seu interese por facerse co estaleiro. A intención é manter a actividade de construción e reparación naval, conseguir carga de traballo e recuperar o cadro de traballadores.

Tras a entrega do último barco, con problemas e atrasos na súa construción, o estaleiro vigués entraba en proceso de liquidación o pasado mes de xullo. Desde entón os 69 traballadores despedidos agardan o rescate por parte dalgún investidor. A confirmación do grupo galego Vicalsa do seu interese en reconverter o estaleiro en base de reparación e construción naval supón unha esperanza para os traballadores.

En declaracións a Televisión de Galicia, o PAQResidenyt de Vicalsa afirmou que traballan no plan de negocio, co que se prevé recuperar a carga de traballo e a xeración de emprego.

A oferta, cun investimento inicial de preto de 12 millóns de euros, será presentada nas próximas semanas no xulgado.

A Xunta ofrece o apoio para que Vulcano poida manter a actividade

Ante a proposta de Vicalsa, a Xunta asegura que poñerá todos os instrumentos para que Vulcano poida continuar a súa actividade no sector naval. O conselleiro de Economía di que lle corresponde ao grupo presentar un proxecto solvente.

“A Xunta de Galicia vai traballar para ver como se pode apoiar un proxecto de continuidade en Vulcano e, polo tanto, non perdamos un elemento importante en Vigo. Cremos que é posible, pero dependemos de que haxa un proxecto solvente por parte de Vicalsa”, dixo Francisco Conde, conselleiro de Economía.