O Hospital Álvaro Cunqueiro acolleu un encontro de pacientes e facultativos sobre Lupus

O servizo de Reumatoloxía organizou unha xornada dirixida a informar e cambiar impresións cos enfermos diagnosticados
Publicado por o día 14/05/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

O Hospital Álvaro Cunqueiro acolleu un encontro de pacientes e facultativos sobre Lupus

Os pacientes foron os auténticos protagonistas do acto que organizou o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) sobre a enfermidade de Lupus. Organizado polo servizo de Reumatoloxía o acto consistiu nunha xornada informativa para os pacientes a cargo do propio persoal do servizo, que se celebrou no salón de actos do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Aínda que o Día Mundial do Lupus foi o pasado 10 de maio, o acto central en Vigo trasladouse ao día de onte. O xerente da área sanitaria de Vigo, Félix Rubial, foi o encargado de abrir a xornada informativa, xunto co reumatólogo José María Pego.

A xornada, moderada polo reumatólogo Rafael Melero, dividiuse en tres partes. A primeira delas estivo destinada a explicar aos presentes en que consiste un ensaio clínico e, sobre todo, os ensaios clínicos internacionais nos que participan os profesionais do servizo de Reumatoloxía. A relatoras foron a reumatóloga Irene Altabás e a enfermeira especialista en reumatoloxía, Coral Mouriño.

A segunda parte estivo a cargo do xefe do sección, Íñigo Hernández, que falou aos pacientes das comorbilidades (coexistencia de varias enfermidades nun mesmo individuo, xeralmente relacionadas entre si) máis frecuentes entre os pacientes con Lupus Eritematoso Sistémico.

A rolda de charlas, previa ao coloquio, pechouse coa emotiva intervención dunha paciente con lupus que falou sobre a sua vida con esta patoloxía, os retos aos que se tivo que enfrontar e as oportunidades que se lle abriron tras o diagnóstico da enfermidade.

400 pacientes diagnosticados na área de Vigo

Na área sanitaria de Vigo están diagnosticados ao redor de 400 pacientes con esta patoloxía.

O lupus eritematosa sistémico (LES) é unha enfermidade autoinmunitaria. Nesta enfermidade, o sistema inmunitario do corpo ataca por erro o tecido san. Pode afectar a pel, as articulacións, os riles, o cerebro e outros órganos. Existen varios factores que poden desencadear brotes de LES como poden ser a exposición a radiacións ultravioletas, as infeccións ou a tensión.