O Hospital Álvaro Cunqueiro lidera unha rede común sobre endocardite para o sur de Galicia

Mantén activo un Grupo de Endocardite desde a apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro, que mellorou o índice de mortalidade por esta patoloxía nun 50%
Publicado por o día 01/11/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

O Hospital Álvaro Cunqueiro lidera unha rede común sobre endocardite para o sur de Galicia

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) lidera unha rede común sobre endocardite para a área do Sur de Galicia. O complexo mantén activo, desde o ano 2015 cando se abriu o Hospital Álvaro Cunqueiro, un Grupo de Endocardite do que forman parte distintos servizos e que analiza os casos de maior complexidade que se presentan relacionados con esta patoloxía.

O Grupo de Endocardite do CHUVI está integrado por membros de Cardioloxía, Cirurxía Cardíaca, Enfermidades Infecciosas, Microbioloxía, UCI e Reanimación. Desde a súa creación atenderon a 150 pacientes cunha alta complexidade. As coordinadoras do grupo son as doutoras, María Teresa Pérez, internista da Unidade de Enfermidades Infecciosas, e Marisol Bravo, responsable da Unidade de Rehabilitación Cardíaca.

“Grazas ao funcionamento deste grupo mellorouse considerablemente a atención aos pacientes con esta patoloxía, que é moi grave, e reduciuse o índice de mortalidade nun 50%”, explica a doutora Pérez Rodríguez. A idade media dos pacientes é de 70 anos, aínda que pode producirse algún caso desde os 40 anos.

A endocardite prodúcese pola infección dunha ou varias válvulas cardíacas, o que implica unha importante gravidade para o paciente.

A misión do grupo multidisciplinar é mellorar a coordinación entre os diferentes servizos implicados para lograr un diagnóstico e tratamento adecuados, no prazo máis breve posible. “Aproximadamente un 30% dos enfermos que vemos precisan cirurxía, para lograr un mellor prognóstico do paciente”, subliña María Teresa Pérez.

Centro de referencia

O Hospital Álvaro Cunqueiro é centro de referencia para cirurxía cardíaca, tanto para os hospitais da área Sanitaria de Vigo como os da área de Ourense.

Ante esta circunstancia, e unha vez considerado que o Grupo de Endocardite do Álvaro Cunqueiro dá respostas rápidas e eficaces para tratar a doenza, os seus responsables decidiron convocar a I Reunión Interhospitalaria de Endocardite, que se celebrou onte no hospital vigués. Á mesma asistiron 40 facultativos da área de Vigo, incluído Povisa, e da Área Sanitaria de Ourense, contou co apoio das dúas xerencias e foi inagurada por Julio García Comesaña.

O obxectivo deste encontro foi a creación dunha rede de Endocardite para todo o Sur de Galicia, con unificación de protocolos de actuación e liderada polo Grupo que xa funciona con éxito en Vigo.

Protocolo

A endocardite é unha infección do endocardio, que é o recubrimento interno das válvulas e as cavidades cardíacas. Polo xeral, prodúcese cando bacterias, ou fungos, a través do torrente sanguíneo, adhírense a zonas danadas do corazón. Se non se trata rapidamente, a endocardite pode danar ou destruír as válvulas do corazón e provocar complicacións que poden poñer en risco a vida do paciente.

O Grupo da Área Sanitaria de Vigo ponse en marcha no mesmo momento en que hai sospeitas de que un pacientes está a sufrir unha endocardite. Ditas sospeitas poden xerarse tanto comprobando as analíticas do paciente como ao realizar unha ecografía do corazón ou outras probas e detéctase a existencia dunha infección, tanto en pacientes ingresados no hospital, como aqueles que estando de alta hai datos que suxiran a posibilidade desa infección. Cando isto ocorre localízase ao paciente e recoméndaselle o ingreso de novo no hospital.

“En canto se produce a sospeita actívase o protocolo do Grupo, avalíase o caso e decídese se debe haber cirurxía ou outro tratamento”, engade a doutora Pérez Rodríguez.

Comentar noticia

Your email address will not be published.