O Hospital Meixoeiro pasará por quirófano

Co novo cronograma de actuación, os traballos poderían comezar o próximo 30 de xuño
Publicado por o día 11/03/2017 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

O Hospital Meixoeiro pasará por quirófano

O Sergas e a empresa adxudicataria do cambio das cubertas no Hospital do Meixoeiro chegaron a un acordo para que a obra se realice durante os meses de verán, en lugar iniciarse o vindeiro luns, data inicialmente prevista cando se produciu a adxudicación do contrato.

O motivo non é outro que realizar os traballos nunhas datas nas que descende o nivel asistencial e, como consecuencia, se minimiza a posibilidade de molestias para o persoal e os pacientes. Ademais se asegura unha mellor climatoloxía, lonxe da tempada de choivas o que tamén é doado para a execución das obras.

O acordo entre o Sergas e a empresa construtora rubricouse no acto que se levou a cabo esta mañá, no propio Hospital do Meixoeiro, no que ambas as partes asinaron o acta de replanteo para o comezo das obras.

No mesmo interviñeron por parte do Sergas a directora de Procesos con Ingreso da Estrutura de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, Mar Vázquez, o subdirector de Recursos Económicos, Félix Leopoldo Pérez, e Jesús Álvarez López como representante do Órgano de Contratación. Ademais, asinaron os documentos o director de obra, o director de execución dos traballos e un representante da dirección da empresa construtora.

Cronograma

Co novo cronograma de actuación, os traballos poderían comezar o próximo 30 de xuño. A obra consiste na reforma das cubertas no edificio 1, planta segunda na terraza norte e ao edificio 2 do Hospital Meixoeiro. Unha actuación necesaria para evitar filtracións que poidan afectar á actividade propia do hospital.

Os traballos foron adxudicados á empresa Misturas S.A. por un importe de 278.157 euros. Desenvolveranse en catro fases, das que tres se realizarán sobre o bloque cirúrxico e a outra na proximidade. Cada unha das fases se subdivide en etapas segundo as tarefas para realizar. O prazo de execución estimado é de 75 días.

A reforma das cubertas do Hospital do Meixoeiro súmase así as obras para o novo laboratorio central da EOXI de Vigo, nunha mostra clara da aposta pola actividade neste centro hospitalario que anunciou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o propio xerente, Félix Rubial.