O hospital Povisa unese ao proxecto AHGAVES

Por o 04/12/2018 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
O hospital Povisa unese ao proxecto AHGAVES
O proxecto AHGAVES, “Interrelación Alimentación-Saúde para unha vellez saudable mediante nutrición funcional en base a materias primas da horta galega”, ten como obxectivo principal a obtención de produtos innovadores e saudables enfocados a cubrir as necesidades da poboación maior.
 
En particular, desenvolveranse cremas vexetais de alto valor organoléptico e nutricional a partir de materias primas autóctonas suplementadas con diferentes ingredientes funcionais, que lle achegarán os micronutrientes necesarios para cubrir as carencias deste sector da poboación.
 
Para levar a cabo a estratexia proposta exponse unha actuación conxunta en todas as fases da cadea produtiva que implicará unha remodelación do proceso de produción de cremas vexetais hospitalarias, abarcando desde a produción da materia prima ata o desenvolvemento dos produtos que serán validados mediante a realización de estudos clínicos. Para iso estableceuse un consorcio liderado por Freshcut, no que participan a PEME Ecocelta Galicia e o grupo hospitalario POVISA. Todos eles contan coa colaboración dos centros de investigación ANFACO- CECOPESCA, coordinador científico-técnico do proxecto, e INGACAL así como coa colaboración das empresas HORSAL e SIGMABIOTECH.
 
Freshcut é unha compañía pertencente ao Grupo Froitas Neves, que comercializa os seus produtos a través da marca rexistrada Galifresh e terá como obxectivo no proxecto o deseño e a elaboración de produtos de V gama a partir de verduras e hortalizas frescas da horta galega. Ecocelta Galicia, empresa creada para dar unha solución sustentable á xestión ambiental dos residuos orgánicos, centrarase na valorización dos subproductos xerados durante o proceso de elaboración dos produtos funcionais. Por último, o Hospital POVISA será o encargado de levar a cabo os ensaios clínicos para determinar a funcionalidade dos produtos elaborados ao longo do proxecto e así establecer a interrelación entre nutrición e saúde, achegando en todas as fases o coñecemento do modelo de vida saudable.
 
O proxecto AHGAVES que se realizará entre os anos 2018 e 2020, está subvencionado pola Axencia Galega de Innovación a través do Programa CONECTA PEME, apoiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional “Unha maneira de facer Europa”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.