O Hospital Vithas Nuestra Señora de Fátima acolle este martes unha conferencia sobre os tratamentos minimamente invasivos dos cancros precoces de colon e recto

O 90 por cento dos casos de colon e recto detectados precozmente pódense curar completamente mesmo sen necesidade de quimioterapia
Publicado por o día 20/04/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

O Hospital Vithas Nuestra Señora de Fátima acolle este martes unha conferencia sobre os tratamentos minimamente invasivos dos cancros precoces de colon e recto

O Hospital Vithas Nuestra Señora de Fátima, de Vigo, acollerá o vindeiro martes 23, unha nova conferencia do programa Vithas Aula Saúde, dedicada nesta ocasión aos tratamentos minimamente invasivos nos cancros precoces de colon e de recto. O relator será o doutor David Martínez-Ares, especialista en aparello dixestivo, que lembra que este tipo de tumores son os de maior prevalencia, e afectan por igual a homes e mulleres.

Esta charla inclúese dentro do programa Vithas Aula Saúde de formación á cidadanía en materia de saúde, e centrarase no tratamento minimamente invasivo das lesións preneoplásicas e neoplasias precoces de colon e recto. Esta abordaxe, por endoscopia, das lesións detectadas “é enormemente atractivo, xa que permite curar as lesións respectando a anatomía e a función do órgano, evitando as complicacións inherentes ao tratamento cirúrxico e reducindo de forma significativa os custos do mesmo”, segundo explica o Dr. David Martínez-Ares, especialista en cirurxía xeral e do aparello dixestivo do Instituto Galego de Enfermidades Dixestivas e do Hospital Vithas Nuestra Señora de Fátima.

Por iso, o Dr. Martínez-Ares resalta a importancia da adhesión da poboación aos programas de cribado de cancro de colon. Para a súa realización, inicialmente faise unha sinxela proba de detección de sangue oculto en feces e, en caso de resultar positiva, debe de realizarse unha colonoscopia. Na maior parte dos casos, ao confirmar na colonoscopia a presenza de pólipos (lesións premalignas), pódense eliminar no mesmo acto médico; tan só nun cinco por cento de casos as lesións detectadas haberá de ser tratado cirurxicamente ou mediante procedementos endoscópicos avanzados, realizados por equipos médicos altamente especializados. O doutor David Martínez-Ares tratou máis de 350 pacientes con este tipo de lesións complexas.

O Hospital Vithas Nuestra Señora de Fátima conta cunha unidade de endoscopia dotada da máis moderna tecnoloxía e con profesionais con amplísima experiencia en polipectomía endoscópica e resección endoscópica mucosa. Ademais, é un dos poucos centros galegos que ofrece as técnicas máis avanzadas de disección endoscópica da submucosa.

En calquera caso, o índice de curación dos pacientes aos que se lles detecta un cancro de colon e recto precozmente é dun 90 por cento, e en moitos casos, o paciente non necesita máis que a resección endoscópica, sen necesidade de quimioterapia ou outro tipo de tratamento anticanceríxeno.

A conferencia sobre o tratamento minimamente invasivo do cancro de colon e recto, como o resto de “Charlas co teu médico” do programa Vithas Aula Saúde, é de acceso gratuíto previa inscrición no correo [email protected], ou no teléfono 986 901 975. As prazas son limitadas ata completar o aforamento. A cita será o vindeiro martes 23 de abril ás 19.00 h. na planta baixa do Hospital Vithas Nuestra Señora de Fátima.