O Iberconsa Amfiv sóbese ao bus

Publicado por o día 03/10/2019 na sección de Deporte Adaptado,Deportes,Galicia,Vigo

O Iberconsa Amfiv sóbese ao bus

A sala de prensa da Alcaldía do Concello de Vigo acolleu na mañá deste martes 3 de outubro un acto moi importante para dar viabilidade a un proxecto que, despois de ver o seu futuro en dúbida, colle aire grazas ao apoio de dúas empresas da cidade. Porque se hai dúas tempadas a chegada de Iberconsa permitía ao Amfiv seguir vivo e competindo na máxima categoría nacional a pesar de contar cun dos orzamentos máis baixos, agora é o Grupo Avanza Vitrasa o que prestará unha inestimable colaboración ao club vigués, converténdose en copatrocinador e encargándose de todos os desprazamentos que realice ao longo da tempada a entidade presidida por José Antonio Beiro. Por iso, a presentación deste importantísimo acordo de colaboración non podía contar con mellor marco que o Concello de Vigo nin mellor anfitrión que o seu Alcalde, Abel Caballero, quen estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o presidente do Iberconsa Amfiv, José Antonio Beiro, o director xeral do Grupo Avanza, Valentín Alonso, o director xeral de Movilidad Urbana, Manuel Ramo, e o director xeral de Vitrasa, Luís Alberto González.
 
“Estabamos a atravesar unha época complicada e coa chegada de Iberconsa e agora de Grupo Avanza Vitrasa recibimos a axuda que necesitabamos”, explicaba na súa intervención ao comezo do acto José Antonio Beiro, máximo responsable do conxunto vigués, quen insistiu no seu agradecemento ao “Alcalde por recibirnos aquí nun día tan importante para o club, un día no que presentamos o patrocinio do Grupo Avanza Vitrasa”.
 
Nese mesmo sentido, Beiro quixo igualmente “dar as grazas tamén a Valentín Alonso, director xeral do Grupo Avanza, por estar aquí e querer apostar por un club como o noso, dunha gran cidade pero dun deporte que está a crecer moito pero aínda é minoritario”. De feito, o presidente do Iberconsa Amfiv subliñou que “a idea foi case máis vosa que nosa. Levamos xa moito tempo colaborando e neste sentido queremos dar as grazas especialmente a Dori Gómez, responsable de comunicación e márketing de Vitrasa, por acollernos tan ben, apoiarnos e por interesarse en saber as nosas necesidades. Con este patrocinio quitádesnos un problema importante porque, por desgraza, o transporte de persoas con discapacidade aínda non é unha prioridade para algunhas empresas en España. Coñeciamos a facilidade coa que traballades pola experiencia previa nas competicións europeas que organizamos en Vigo e tamén que sodes un referente no transporte de persoas con problemas de mobilidade. Agora, máis se cabe aínda, seguirédelo sendo porque xa sodes parte do noso club, da nosa familia. É un pracer tervos ao noso lado e esperemos que sexa si durante moitos anos”.
 
A importancia do acordo tampouco pasou desapercibida para o Alcalde de Vigo. Así, Abel Caballero eloxiou as virtudes e traxectoria nas súas xa case 38 anos de historia dun “ Iberconsa Amfiv que é un equipo excepcional. Trátase dun proxecto que nos permitiu coñecer e descubrir o baloncesto en cadeira de rodas, un deporte que engancha e atrae á xente porque é un gran espectáculo. Sorprende pola súa forza e dureza inusitada pero tamén pola beleza que ofrece para os espectadores. Ademais, ten tamén outra parte especial porque permite que todo o mundo teña o seu deporte profesional ou semi profesional e transmite claramente a mensaxe de incluír a todo o mundo e que as persoas con discapacidade poidan practicar tamén deporte. Por iso, o Amfiv é un proxecto tan importante”.
 
Do mesmo xeito, Caballero dedicou encomios ao Grupo Avanza Vitrasa non só por unir as súas forzas ao Iberconsa Amfiv senón tamén pola súa traxectoria durante todos estes anos apoiando ao deporte vigués. “Quero poñer tamén de relevo a Vitrasa e ao Grupo Avanza, que sempre están nos proxectos da cidade. É unha empresa das que impulsan, promoven e apoian e a min gústame moito iso. Nós queremos que as empresas da cidade apoien ao deporte da cidade e a presentación é este acordo é un bo exemplo do que pretendemos”, resaltou o Alcalde de Vigo.
 
A terceira parte implicada nesta presentación, o Grupo Avanza Vitrasa, tomou voz por medio do seu director xeral, Valentín Alonso, quen non dubidou en expresar a súa alegría polo acordo alcanzado así como os motivos que levaron á empresa para tomar esta decisión. “É un momento de orgullo para nós porque desde Grupo Avanza concedemos moita importancia á accesibilidade. Realizamos un servizo público en moitas cidades e como tal debemos garantir que a accesibilidade sexa universal. É un reto e algo que temos sempre na cabeza. Ademais, para Vitrasa e todo o grupo Vigo é unha cidade moi especial e o patrocinio ao Iberconsa Amfiv dábanos a oportunidade de saber máis a Vigo. E, aínda por riba, o club encarna valores como o esforzo, a motivación, o traballo en equipo e a integración, que son tamén os nosos valores”.
 
De feito, o director xeral do Grupo Avanza insistiu en que “queremos que a discapacidade non sexa un impedimento para que calquera persoa póidase desprazar e o Iberconsa Amfiv non dá a oportunidade perfecta para demostralo” e sinalou o seu desexo de que o acordo transcenda o papel e o económico e chegue ao sentimental. “No Grupo Avanza Vitrasa somos case 7.000 persoas e queremos que todos vivan este deporte e sintan ao Iberconsa Amfiv moi de preto. Queremos que sintades arroupados porque desde xa tedes unha chea de afeccionados máis”, apuntou Valentín Alonso, quen tamén deixou unha ambiciosa mensaxe para pechar a súa intervención. “A nós gústanos gañar sempre”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.