O Iberconsa esperta na segunda parte e, cunha gran defensa, sela a permanencia matematicamente

Publicado por o día 29/02/2020 na sección de Deporte Adaptado,Deportes,Galicia,Vigo

O Iberconsa esperta na segunda parte e, cunha gran defensa, sela a permanencia matematicamente

O conxunto de César Iglesias reaccionou tras o descanso para impoñerse na súa visita a Vitoria ao Fundación Vital Zuzenak e asegurar así xa de forma matemática a súa continuidade na máxima categoría nacional de BSR a próxima campaña e, ademais, finalizar a tempada entre os oito mellores equipos da División de Honra. Agustín Alejos, que segue na boa liña mostrada na recentemente disputada Copa do Rey na que foi o máximo anotador, completou outro gran partido e non só volveu ser o máximo encestador (31 puntos) senón que, ademais, demostrou un alto nivel no manexo da cadeira e xerou xogo para o resto dos seus compañeiros.

A pesar de todo, o Iberconsa Amfiv tivo que sobrepoñerse a unha mala primeira parte, en especial a un segundo cuarto no que os vigueses adoeceron de falta de intensidade en defensa e permitiron aos seus rivais conseguir posicións cómodas e segundas e terceiras oportunidades para anotar. Ademais, os desaxustes defensivos foron unha constante, da que o máximo beneficiado foi Gonzalo Requeta, quen ao descanso xa levaba 10 puntos na súa marcadora particular, precisamente a mesma renda coa que se marchaba aos vestiarios o Fundación Vital Zuzenak (39-29, min.20).

A charla con César Iglesias no descanso serviu para que os xogadores vigueses aclarasen ideas e regresasen á pista con outra actitude. Alejos empezaba a atopar apoios nas tarefas ofensivas. O mexicano Salvador Sandoval, que ao descanso levaba 8 puntos, lograba outros 14 na continuación para axudar tamén a que os seus, apoiados no bo traballo e a intensidade de Vilas e, sobre todo, unha Shelley Cronau que transmitiu a súa agresividade defensiva ao resto dos seus compañeiros, puidesen dar a volta ao marcador xa ao final do terceiro cuarto (48-53, min.30).

O Iberconsa Amfiv regresara ao partido a través da defensa. O bo traballo atrás permitira ao conxunto de César Iglesias correr e, aos poucos, meterse no encontro. O británico Lewis Edwards, a peza que faltaba, anotou unha serie de bos lanzamentos e outro par de canastras ao contragolpe para terminar de inclinar a balanza ao lado vigués. O Zuzenak sufría agora #ante a boa defensa viguesa, que unicamente permitiu anotar 17 puntos aos vitorianos en toda a segunda parte, e vía como o partido se lle escapaba porque, ademais, o

Iberconsa non baixaba o ritmo e aproveitaba o paso dos minutos para aumentar cada vez máis a súa renda ata o 56-71 final.

FUNDACIÓN VITAL ZUZENAK – IBERCONSA AMFIV 56-71

FUNDACIÓN VITAL ZUZENAK: Rubén Viso (10), Gonzalo Requeta (12), Igarki Pascual (17), Alejandro García Ingelmo (4), Jose Leep (2) –cinco inicial-, Agurtzane Egiluz (-), Johan Vargas (7) y Adrián García Ingelmo (4).

IBERCONSA AMFIV: Agustín Alejos (31), Franco Alessandrini (-), Salvador Sandoval (22), Julio Vilas (2), Lewis Edwards (14) –cinco inicial-, Sam Mack (2), Lorenzo Envó (-) y Shelley Cronau (-).

PARCIAIS: 14-12, 39-29 (descanso), 48-53 y 56-71 (final).

ÁRBITRO: Hernández, De la Piedad e Uruñuela. Sen eliminados.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á décimo cuarta xornada da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas disputado no Polideportivo Ariznabarra de Vitoria.