O IES Torrente Ballester de Pontevedra acolle este venres a visita guiada á mostra integradora da Deputación “Sorrisos transformadores”

Ademais da visita guiada, á que asistirá a deputada Isaura Abelairas, tamén haberá unha charla-coloquio impartida por Cristina Palacios, presidenta de ARELAS
Publicado por o día 20/06/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

O IES Torrente Ballester de Pontevedra acolle este venres a visita guiada á mostra integradora da Deputación “Sorrisos transformadores”

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, participará este venres 21 de xuño ás 10:30 horas nunha visita guiada pola exposición “Sorrisos transformadores” no IES Torrente Ballester de Pontevedra. O centro educativo está a acoller a mostra da Deputación, en colaboración coa Asociación de Familias de Persoas Trans* ARELAS, desde o venres 7 de xuño. A actividade deste venres tamén contará cunha charla-coloquio impartida por Cristina Palacios, presidenta da Asociación ARELAS. A ela asistirá o alumnado e o profesorado do centro educativo.

“Sorrisos transformadores” é unha exposición fotográfica que ten por obxectivo a reflexión, por parte da cidadanía, sobre a realidade do colectivo trans e a prevención de actitudes discriminatorias, e pretende sensibilizar sobre a realidade destas persoas co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade. Trátase dunha mostra itinerante que está percorrendo distintos concellos da provincia de Pontevedra e tamén algún outro emprazamento fóra da provincia, coma Betanzos ou a Universidade de Santiago de Compostela. A exposición consta de dez fotografías de Noemí Chantada que amosan dez realidades de persoas trans e doutras persoas que non o son, pero que pola súa profesión están moi vinculadas coa súa realidade. Todas as imaxes reflicten persoas alegres, orgullosas, positivas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Ademais, cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a persoa  protagonista ou sobre a súa contorna.

A finalidade de “Sorrisos transformadores” é dobre. Por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero, e por outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero.