O Ifevi acolle esta fin de semana Motorocasión, a primeira gran feira dentro da nova normalidade

Vigo recupera Motorocasión, o derradeiro evento no recinto ferial de Ifevi cando se declarou o estado de alarma en marzo, e que volve agora para cumpri-lo seu cometido de reactivación de sector do automóbil de segunda man ou seminovo.
Publicado por o día 30/06/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Ifevi acolle esta fin de semana Motorocasión, a primeira gran feira dentro da nova normalidade

Dende este xoves día 2 ata o domingo, o Ifevi recibe a trinta e cinco concesionarios de Vigo e da súa área de influencia , que en tres dos pavillóns de Cotogrande coparán máis de 22.000 metros cadrados e porán á disposición dos visitantes uns 1.200 vehículos, 800 nos stands e 400 en reserva en función das vendas.

Os visitantes que acudiron á única xornada do salón en marzo atoparán a distribución da exposición de xeito idéntico. “Seguen montados os mesmos stands que quedaron. Inclusive houbo concesionarios que deixaron coches alí. Estamos diante do salón con mellores e maiores descontos desta feira”, dixo José Enrique Elvira, organizador.

O evento espera unhas ventas de preto do medio milleiro de coches “porque levamos cen días parados e necesitamos saca-lo stock”, explicou. Ademais, o sector conta coas axudas do goberno para os Km 0 e eléctricos e híbridos. “Coido que teremos os mellores prezos da historia de Motorocasión”, rematou.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, agradeceu o esforzo da organización para retoma-la feira, que patrocina o Concello de Vigo, e lembrou que “é o primeiro evento do que se ven chamar a nova normalidade”, e desexou que a partires de agora “vaiamos recuperando esa normalidade. É un momento de grande oportunidade grazas ao Goberno, pero tamén aos produtores e aos comercializadores”, indicou sobre o mercado de automóbeis.

Motorocasión naceu no 2001 coa empresa Eventos do Motor e xoves e venres arrincará ás 16:00 horas, mentres que a fin de semana comezará ás 11:00. A entrada é de 4 euros.

A organización ten traballado para “facer do Ifevi un espazo seguro”. De feito, a capacidade do recinto nunha feira coma esta é de 4.000 persoas, a lei permite un 75% da capacidade máxima e Eventos do Mar rebaixará a entrada ao tempo a 2.006 persoas, coas medidas de protección xa habituais (máscara obrigatoria, sinalética, xel hidroalcohólico…).

Dende a organización, José Manuel Fernández Alvariño puxo o foco en que “estamos na cidade da economía, coma ben di o alcalde, e con este salón reiniciamos en Galicia un acto importante para move-la economía”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.