O IFEVI acolle esta fin de semana o IX Salón Retro Galicia, co apoio do Concello de Vigo

A concelleira de Turismo, Ana Laura Iglesias, invitou á cidadanía a achegarse ao recinto feiral este 16 e 17 de febreiro, onde o Salón Retro Galicia homenaxea este ano a Citroën e ao Seat 1430. Entre os atractivos, o autobús Cometa, unha mostra do grupo B de rallies e as homenaxes a Manuel Sanjurjo e a Chano Carrera.
Por o 13/02/2019 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
O IFEVI acolle esta fin de semana o IX Salón Retro Galicia, co apoio do Concello de Vigo

A concelleira de Turismo, Ana Laura Iglesias, invitou á cidadanía a achegarse ao recinto feiral este 16 e 17 de febreiro, onde o Salón Retro Galicia homenaxea este ano a Citroën e ao Seat 1430. Entre os atractivos, o autobús Cometa, unha mostra do grupo B de rallies e as homenaxes a Manuel Sanjurjo e a Chano Carrera. 

Este martes presentouse no Concello de Vigo a novena edición do salón do vehículo clásico e de época, que terá lugar esta fin de semana no Instituto Feiral de Vigo. Na rolda de prensa participaron o xerente do IFEVI, Arsenio Prieto, o director da organizadora Eventos del Motor, Enrique Elvira, e a concelleira de Turismo, Ana Laura Iglesias.

O certame vigués exhibirá o autobús Cometa de Vitrasa, símbolo da primeira frota da compañía, e a moto Clandestina 2, a Harley-Davidson que representa a Galicia no concurso mundial de customización da marca. Chano Carreira e Manuel Sanjurjo recibirán o sábado unha placa pola súa traxectoria, mentres que o Rally de Primavera reunirá ese día case medio centenar de vehículos clásicos, con saída e chegada ao recinto.

A feira ofrece aparcadoiro cuberto e gratuíto para vehículos clásicos de polo menos 30 anos e espazo para a venda libre de propietarios particulares, así como unha extensa zona comercial de pezas, recambios e produtos diversos do mundo dos clásicos.

O Salón Retro Galicia ocupará algo máis de 6.000 metros cadrados e contará cuns 80 expositores do sector da rehabilitación e restauración de coches e motos, seguros, pezas, regalos, roupa e decoración, revistas, libros e documentación, miniaturas, coleccionismo e outras áreas, todas en relación co sector dos vehículos clásicos.

Ademais, hai que sumarlle 10.000 metros cadrados reservados ao aparcadoiro interior e cuberto para propietarios particulares de vehículos clásicos ou os pertencentes a clubs que acudan a concentracións. Esta zona está anexa á exposición.

Para esta edición, por cambio de normativa, os vehículos deben ter polo menos 30 anos de antigüidade ou ser homologados previamente coa matrícula de históricos para poder acceder.

O recinto acollerá a miles de afeccionados que poderán acceder a un prezo de 8 euros de entrada, con acceso de menores de 10 anos gratis. Os asistentes en coche ou moto clásica poderán asistir con desconto, pagando só 5 euros, e aparcalo a cuberto no interior da exposición.

Comentar noticia

Your email address will not be published.