O III Torneo de Xadrez Concello de Mos congregou a 180 xogadores o pasado sábado en Torroso

O Centro Dotacional acolleu a xadrecistas tanto mosenses como chegados das catro provincias galegas e do norte de Portugal
Publicado por o día 03/09/2018 na sección de Galicia,Mos

O III Torneo de Xadrez Concello de Mos congregou a 180 xogadores o pasado sábado en Torroso

O III Torneo de Xadrez Concello de Mos tivo lugar ao longo do pasado sábado, 1 setembro, no Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso.

Esta terceira edición recibiu a un total de 180 xogadores e xogadoras chegados das catro provincias galegas, así como do norte de Portugal.

Dende o Club Xadrez Mos, organizador do evento deportivo, queren “agradecer un ano máis a presenza de todos e cada un dos participantes, xa que son os verdadeiros protagonistas. 180 amantes das 64 casiñas que nos fixeron gozar dun día de emocións, amizades e intres inesquecibles; e por suposto, de moito xadrez”.

O xadrez atópase en auxe en Mos, tanto que a día de hoxe son 103 as licenzas federativas do Club Xadrez Mos. 103 persoas que compiten e gozan do xadrez semana tras semana.

Neste sentido dende a organización do Torneo quíxose tamén “agradecer o apoio de todas as persoas que fan posible a execución deste evento, ao Concello de Mos, ao Centro Dotacional de Torroso, e aos demais colaboradores. E sobre todo á familia do Club Xadrez Mos. A eses pais, nais, familiares, amigos e amigas, que semana tras semana sacrifican moito tempo para axudar no posible. Para arrimar o ombreiro. Para desprazarse cos nenos e nenas a competir, sacrificando fin de semana tras fin de semana, vacacións, tempo e diñeiro. Para permitir que este Club cada día sexa un pouquiño mellor. Unha entrega moi grande, para a que non chegan as palabras de agradecemento”.