O IIS Galicia Sur solicitou a acreditación nacional en investigación do instituto de la salud Carlos III

IISGS experimenta un importante incremento tanto no número de proxectos activos como na cantidade de patentes rexistradas ou estudos clínicos
Publicado por o día 07/01/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

O IIS Galicia Sur solicitou a acreditación nacional en investigación do instituto de la salud Carlos III

O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) ven de presentar a solicitude formal para a maior acreditación nacional en investigación, que outorga o Instituto de la Salud Carlos III.

A solicitude remitiuse unha vez que o Consello Reitor do IIS Galicia Sur autorizouno na reunión anual que celebrou nas instalacións do Instituto, no Hospital Álvaro Cunqueiro. O IIS Galicia Sur é o organismo que aglutina a investigación sanitaria pública do sur de Galicia. No mesmo están integrados a Universidade de Vigo e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) a través das áreas sanitarias de Vigo, Pontevedra e de Ourense.

A consecución da acreditación do Instituto Carlos III é un dos principais obxectivos que persegue o IIS Galicia Sur desde a súa creación, e así figura no plan estratéxico do organismo. Cúmprese así o obxectivo marcado para este ano de realizar a devandita solicitude.

Dita acreditación permitirá, entre outros aspectos, acceder de forma preferente a fondos e bolsas de investigación sanitaria que se convoquen a nivel nacional. A reunión do Consello Reitor foi a primeira á que asistiu o novo equipo reitoral da Universidade de Vigo, que foi elixido neste mesmo ano.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, presidiu a reunión do Consello do IISGS, do que é presidente, e á mesma asistiron o reitor da Universidade viguesa, Manuel Reigosa, como vicepresidente; a xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), Beatriz Allegue; o xerente da área sanitaria de Vigo, Félix Rubial; o xefe de servizo de Pneumoloxía do CHUVI, Alberto Fernández Villar; a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, María Belén Rubio; o director científico do Instituto, José Ramón Fernández Lorenzo; a directora da Fundación Biomédica Galicia Sur, Beatriz Gil de Araújo; e o catedrático de Bioloxía Fundamental da Universidade de Vigo, Federico Mallo.

Informe anual

O Consello Reitor tivo coñecemento do informe anual que realizou o director científico do Instituto no que se reflicte o importante crecemento experimentado este ano en cada unha das actividades que leva a cabo o organismo. A cantidade de ingresos xestionados a través da Fundación Biomédica e destinados á investigación experimentou un importante ascenso e por primeira vez sitúase por enriba dos 4 millóns de euros.

O número de proxectos de investigación en activo ascende a 116, o que representa un incremento dun 30% con respecto ao ano anterior. Tamén crecen os ensaios clínicos activos, cun total de 654, así como o número de patentes rexistradas polos investigadores do Instituto, que chega a 48.

“É un balance moi bo e a nosa intención é seguir crecendo, sobre todo en canto consigamos a acreditación do Instituto Carlos III”, manifestou o director científico do IISGS, o doutor José Ramón Fernández Lorenzo.

Reordenación de áreas

No informe anual que coñeceron os membros do Consello Reitor houbo un apartado especial para a reestruturación das áreas de investigación. Das 8 áreas que había ata a reordenación permanecen 6. As outras dúas pasan a ser transversais, é dicir que se relacionan co resto a fin de mellorar a interacción e integración entre todas elas.

As 6 áreas científicas que permanecen son as de Neurociencias e Enfermidades Psiquiátricas; Enfermidades Inflamatorias e Infecciosas e Trastornos Inmunitarios; Metabolismo, Nutrición e Enfermidades Raras e de Base Xenética; Enfermidades de Grandes Sistemas, Envellecemento e Medicina Rexenerativa; Cancro; e Eficiencia e Calidade de Sistemas de Saúde, Seguridade do Paciente e Economía da Saúde.

A anterior área de Diagnóstico Clínico Avanzado con Resonancia Magnética e Diagnóstico por Imaxe pasa a ser a área transversal de Sistemas de Soporte á Decisión Clínica. E, pola súa banda, a área existente de Novas Tecnoloxías, Biomateriais e Enxeñería de Tecidos reestruturase para ser a área transversal de Tecnoloxías Biomédicas.
Comité Científico Externo e novos investigadores

O Consello Reitor do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur aprobou a proposta de creación do Comité Científico Externo, cuxos integrantes son expertos de prestixio en distintas áreas da investigación biomédica. A súa misión fundamental é a de supervisar ou certificar a calidade das investigacións que se realicen no Instituto.

Os membros do Comité teñen unha traxectoria investigadora recoñecida a nivel internacional: Aurora Astudillo, directora do Biobanco do Hospital Universitario Central de Asturias; Ángel Carracedo, director da Fundación Pública de Medicina Xenómica-Sergas e do Centro Nacional de Xenotipado; Carlos Diéguez, director do Centro de Investigacións en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas; Nuno Sousa, director do Instituto da Licenciatura en Medicina da Universidade do Minho, en Portugal; e Luís Liz, premio nacional de investigación 2018 e director do Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriais.

Ademais da aprobación do Comité Científico externo, na reunión do Consello Reitor informouse da incorporación de novos grupos de investigación ao Instituto: Viroloxía e Patoxénesis (VIP), coa investigadora Eva Poveda ao fronte, que se integra na área de Enfermidades Inflamatorias e Infecciosas; Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING), con Florentino Fernández- Riverola, que se integra a nova área transversal de Sistemas de Soporte a la Decisión Clínica ; e Aplicacións dos Láseres, que dirixe Juan M. Pau e que entra a nova área transversal de Tecnoloxías Biomédicas.