O impacto da crise da COVID-19 nas exportacións foi máis intenso en Galicia que no conxunto de España

O téxtil é o sector máis afectado polas consecuencias da pandemia
Publicado por o día 27/05/2020 na sección de Economía,Coronavirus,Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

“O impacto da pandemia do coronavirus nos mercados de exportación foi máis intenso en Galicia que no conxunto de España neste primeiro trimestre de 2020. O mellor arranque exportador de Galicia en xaneiro-febreiro veuse estragado polo shock exportador de marzo, mes no que lideramos a escala rexional a caída das exportacións no conxunto de España”. Esta é unha das principais conclusións que recolle o Barómetro Exportador de Galicia (Baexga) para o primeiro trimestre do ano, de xaneiro a marzo de 2020, elaborado polo Foro Económico de Galicia, entidade xestionada polo Grupo Gen da Universidade de Vigo.

O documento, coordinado polo economista e profesor da Universidade de Vigo Albino Prada, recolle que “nos dous primeiros meses do ano 2020 as exportacións galegas medraron a un ritmo do dobre do anotado polo conxunto de España, pero o impacto das medidas de confinamento e a parálise de actividades nos mercados receptores no mes de marzo afectaron de xeito máis grave ás exportacións galegas, mentres o resto de España anota retrocesos semellantes á media da UE ou da Eurozona”.

Sectores referentes para a economía galega

O Barómetro Exportador de Galicia, indican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, analiza as dúas dimensións exportadoras: volume exportado e número de empresas, e en cada unha delas considéranse catro variables: evolución total no período, evolución cara a UE, evolución cara as economías emerxentes e evolución total na última década. Para este primeiro trimestre do 2020, o Baexga conclúe que dos oito indicadores, en cinco Galicia conta cunha peor avaliación en relación ao conxunto de España. O informe feito público este mércores tamén recolle que o primeiro trimestre de 2020 “amosa ademais unha asimetría en canto ao impacto nos sectores referentes para a economía galega: directo e inmediato no sector da confección e máis retardado en bens de consumo duradeiro como os da automoción”. Este retardo, apuntan os expertos do foro, “favoreceu un balanzo trimestral global que, aínda así, é peor para Galicia”.

Sobre o impacto no sector da confección, o documento recolle que “se no comezo deste ano 2020 a evolución global das nosas exportacións está a ser preocupante, o comportamento das do sector da confección aínda o é máis”. O impacto da COVID-19, indícase no barómetro, “foi inmediato para estes bens de consumo e así se explica que A Coruña chegue a caer preto dun 40% nas cifras de exportación fóra de España de marzo”. Houbo, indican no informe, un “impacto inmediato e xeneralizado en todos os mercados por riba do anotado no conxunto do sector en España, co que se evaporou o diferencial no mellor balance exportador galego do sector nos últimos dez anos”. Tampouco mellorou a evolución verbo do conxunto de España no número de exportadores xa que, sinalan desde o barómetro, “mesmo chegamos a reducir os exportadores cara a Unión Europea”.

Polo que respecta ao conxunto de sector galego da automoción (turismos e vehículos industriais), o Baexga indica que pecha o primeiro trimestre de 2020 cun balanzo inverso, e positivo, ao do sector no conxunto de España. “O impacto da COVID-19 semella producirse aquí cun certo retardo, pois mentres o total español cae en marzo un -34 %, en Galicia faino un -9%”. “O mellor arranque galego en xaneiro-febreiro vese así laminado pero mantendo aínda, de momento, taxas positivas para o conxunto do trimestre”. Só o número de exportadores cara a Unión Europea ten un peor comportamento en Galicia que no conxunto de España, apúntase no documento.