O ingreso medio dos fogares galegos aumentou en 2019 un 4,3% ata situarse nos 2.290€ mensuais, o que supón o sétimo ano consecutivo no que medra este indicador económico. Ademais, é a cifra de ingresos máis alta de toda a serie histórica que se iniciou en 2007. Así o recolle a última Enquisa Estrutural a Fogares, publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que analiza a composición, a situación económica e o gasto que realizan os fogares de Galicia.
A enquisa do organismo estatístico galego mostra que en 2019 seguiron mellorando as condicións económicas dos fogares galegos. De feito, o número de fogares que chegan con algunha dificultade a final de mes baixou ao 40,71%, a cifra máis baixa de toda a serie histórica. Esta serie comeza no ano 2007, cando o número de fogares con algunha dificultade en Galicia era 26 puntos maior (66,01%).
Esta mellora da situación económica dos fogares galegos é consecuencia da baixada tanto do número de fogares con dificultade que baixa ata o 33,92%, como do descenso de fogares con moita dificultade, que descenden ata o 6,79%. Ambos indicadores tamén acadaron en 2019 o nivel máis baixo de toda a serie histórica, iniciada en 2007. Ademais, o número de fogares que chega con facilidade a fin de mes medra ata o 59,30%.
Composición dos fogares
Os datos anuais do IGE tamén analizan a composición dos fogares galegos, que acadan a cifra de 1.069.094. En 2019, a tipoloxía máis habitual foi a dunha parella con fillos (30,8%), seguida da parella sen fillos (23,1%) e os fogares unipersoais, que supoñen o 22,3% do total. Ademais, o 22,5% dos fogares de Galicia están compostos por persoas de 65 ou máis anos, mentres que no 21,8% viven unha ou varias persoas menores de 16 anos.
A Enquisa Estrutural a Fogares é unha actividade estatística anual dirixida aos fogares galegos co obxecto de obter información sobre as súas características socioeconómicas, e inclúe información detallada sobre as distintas áreas territoriais galegas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.