O ano comezou en Galicia con 5.833 pacientes infectados, unha cifra que leva subindo toda a semana e que desde onte ascendeu en 56 persoas. Aínda que a maioría dos que sofren a enfermidade a pasan na súa casa, ata onte ás seis da tarde 354 enfermos estaban hospitalizados, 57 deles nas unidades de coidados intensivos (dous máis).
A Coruña segue sendo a área de máis pacientes graves, con 20 persoas na UCI. En Pontevedra hai, 12 pacientes nesta unidade, a cifra máis alta dos últimos meses, e Vigo sumou dous pacientes máis ás unidades de críticos e ten nestes momentos 11.
Desde onte o que si descende é o número de contaxios detectados, a 412, 29 menos que na xornada anterior. A Coruña e Santiago mantéñense por enriba do cento. Baixan case á metade en Vigo, con 65 positivos e tamén descenden algo en Pontevedra. Lugo e Ferrol soben con respecto a onte e Ourense volve rexistrar a cifra máis baixa de todas as áreas con 14 casos novos.
Galicia encadea catro xornadas por encima dos 400 positivos diarios, aínda que baixan respecto ao día anterior ao diagnosticarse covid-19 a 412 persoas, 29 menos que na xornada previa.
Con todo, esta baixada hai que encadrala nun día no que se practicaron 2.508 probas PCR menos que 24 horas antes. Foron un total de 4.429 probas das cales, un 10,6% deron positivo. Trátase da segunda taxa de positividade máis alta da segunda onda da pandemia en Galicia, só superada polo 10,7% rexistrado o 19 de novembro.
A cifra de falecidos en Galicia pola covid-19 elévase a 1.409, despois das últimas mortes confirmadas esta tarde pola Consellería de Sanidade. Os tres últimos falecidos son un varón de 83 anos, no Hospital do Salnés. Un home de 80 anos, no CHOP e outro home de 97 anos, no CHUS. Todos eles presentaban patoloxías previas.
Tres mulleres e tres homes falecían con anterioridade, un deles, de 83 anos de idade, falecido na residencia DomusVi de Vimianzo.
O resto perderon a vida mentres permanecían ingresados en hospitais. Tres foron no CHUS de Santiago: un home de 72 anos e dúas mulleres, de 74 e 94 anos, respectivamente. Os dous óbitos restantes producíronse no CHOP de Pontevedra (unha muller de 78 anos) e no CHUAC da Coruña (un home de 82 anos).
O número de usuarios con coronavirus en residencias de maiores galegas diminuíu este sábado ata os 134 (un menos), tras notificarse un falecemento, tres altas e tres positivos, e o de traballadores baixou a 103 (8 menos). Así, sumáronse ao cómputo os casos de 3 internos da residencia de maiores Moledo de Vigo e un traballador da de DomusVi en Vimianzo (A Coruña).
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.