O IX Encontro de Conservación e Restauración dará a coñecer como aplicar a enxeñería ou a microbioloxía bacteriana para preservar o patrimonio

Esta edición estará centrada nas intervencións de pinturas murais e recolleranse experiencias realizadas desde a Ribeira Sacra ata Pompeia ou o Museo Británico
Publicado por o día 12/11/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

O IX Encontro de Conservación e Restauración dará a coñecer como aplicar a enxeñería ou a microbioloxía bacteriana para preservar o patrimonio

O Sexto Edificio do Museo será desde mañá e ata o próximo venres o escenario do IX Encontro de Conservación e Restauración no que expertas e expertos de renome estatal e internacional darán a coñecer como a enxeñería, os láseres ou a biotecnoloxía microbiana se poden aplicar ao servizo da recuperación e preservación do patrimonio. Así mesmo coñeceranse experiencias, centradas nas pinturas murais, realizadas en lugares próximos como a Ribeira Sacra ata outros como Pompeia ou o Museo Británico.

Segundo explica o director do Museo, Xosé Manuel Rey, este encontro “é unha magnífica oportunidade para coñecer diferentes experiencias desenvolvidas por algúns dos principais especialistas en pintura mural, e mesmo de coñecer os retos aos que se enfrontan os especialistas en conservación-restauración na actualidade”. Ademais, como novidade deste ano, as comunicación teóricas concentraranse ao longo das mañás e polas tardes complementaranse con dúas visitas guiadas, unha ás instalación do propio Museo –como en anos anteriores–, e outra ás pinturas murais das igrexas de Santa María do Campo e Santo Tomé de Piñeiro (Marín), que realizará a responsable da súa restauración.

Nas xornadas están inscritas a día de hoxe 162 persoas que recibirán diploma acreditativo da súa asistencia, pero poderán asistir de maneira libre todas as persoas que o desexen xa que o auditorio dispón de 240 prazas. Segundo explica o director do Museo, estas xornadas “totalmente consolidadas constitúen un referente nos eidos da restauración, da conservación e da historia da arte, xa que supoñen unha axuda aos profesionais do sector para afrontar o reto constante ao que se expoñen dada a variedade de técnicas e materiais empregados para a creación de murais”.

Durante os tres días falarase de diferentes métodos de cicelado, de pintado, da utilización da enxeñería aplicada á recuperación do patrimonio a través de láseres de erbio, por exemplo, ou de como se pode utilizar tamén a biotecnoloxía microbiana para recuperar frescos. En canto ás experiencias, as persoas que asistan poderán escoitar falar dos traballos feitos no Museu Bacional d’ARt de Catalunya, no Museo Británico, nos templos de San Nicolás Bispo e San Pedro Mártir de Valencia, na igrexa de Santa María de Nogueira de Miño na Ribeira Sacra, ou na Casa de Ariadna en Pompeia.

Entre as persoas especialistas de renome que se achegarán como relatores a estas xornadas haberá persoal técnico do país, de Cataluña, País Vasco ou Valencia, así como tamén de Italia ou Gran Bretaña, entre outros lugares. Estarán presentes Pedro Echeverría, da Universidad del País Vasco; Pere Rovira i Pons, do Centre de Restauració de Béns Mobles de Catalunya; Mireia Mestre, do Museu Nacional d’Art de Catalunya; Simona Sajeva, do Estudio Interfaces; Juan Manuel Madariaga Mota, da Universidad del País Vasco; Livio Ferrazza, colaborador externo del Instituto Valenciano de Conservación, Restauración e Investigación; os conservadores e restauradores Aleix Barberá e Philip Kron Morelli; Celia Casás Pérez, de ARA S.L. Restauración y conservación; Lucía Pereira Pardo, de The National Archives; Yolanda Gómez, de CREA Restauración; ou Pilar Roig Picazzo e Pilar Bosch, da Universidad Politécnica de Valencia.

Esta novena edición do Encontro de Conservación e Restauración está organizada polo Museo de Pontevedra en colaboración coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. O programa completo do encontro está na web http://museo.depo.gal/noticias/notas.de.prensa/ga.02011201.html.