O Kaleido Universidade de Vigo reafirma na nova tempada a súa aposta pola canteira

A competición arrancará este domingo no campus co derbi fronte ao equipo ourensán
Publicado por o día 12/09/2018 na sección de Universidade de Vigo

O Kaleido Universidade de Vigo reafirma na nova tempada a súa aposta pola canteira

Con nova directiva e novo adestrador, cheos de ilusión e fieis á súa aposta pola canteira viguesa do rugby. Así arranca a nova tempada o Kaleido Universidade de Vigo, un equipo que este ano celebrará o seu 30 aniversario e que a nivel deportivo busca consolidarse na División de Honra B para poder  fixar novas metas de ascenso en seguintes tempadas, “nas que os novos valores da canteira acaparen o protagonismo numérico e da calidade do equipo senior”, tal e como recalcaron desde o equipo.

Este mércores presentouse no edificio Miralles o primeiro equipo, un acto cheo de novas caras no que, ademais de numerosos xogadores, se contou coa participación do presidente, Xoán Martínez, quen agradeceu o “apoio irrenunciable que sempre temos recibido da Universidade” e do novo adestrador, Adrián Lago, acompañados ambos polo reitor, Manuel Reigosa, e a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, que reiteraron a “aposta universitaria por un deporte limpo, no que a competición é dura e intensa pero no que, ao tempo, sempre se mantén o respecto e o agarimo polo rival”, tal e como recalcou o reitor, quen reiterou “o elevado valor educativo deste deporte” e loou “o importante labor que está a levar a cabo o Vigo Rugby Club coa canteira”.

Lago: “O noso obxectivo para esta tempada é manter a categoría”

A tempada arrancará este domingo ás 12.00 nas instalacións do campus e farao co gran derbi fronte ao Campus Universitario Ourense, un encontro sobre o que o adestrador non quixo adiantar ningún detalle, pero para o que levan preparándose desde comezos de agosto. “O noso obxectivo principal para esta tempada é manter a categoría e para iso contamos cun cadro de xogadores case todos galegos e de Vigo, con Adolfo Uruburo como segundo adestrador, Maka Tatafu como principal dianteiro e Carlos de Cabo como adestrador en tres cuartos”, explicou Lago, quen formula como gran meta conseguir a permanencia canto antes, para o que traballarán “partido a partido e semana a semana”.

Cun cadro de 20 xogadores no que se mesturan novos valores da canteira con integrantes do equipo sénior, e con adestramentos todos os martes, xoves e venres, un dos obxectivos a conseguir é incrementar o número de partidos gañados fóra da casa. “Isto foi un defecto que tivemos estas últimas tempadas e que temos que cambiar”, apuntou o novo adestrador, que recalcou o feito de que o equipo estará preparado para isto tanto física como mentalmente. “Temos que ser capaces de gañar os partidos da casa, gañar aos nosos rivais directos e, cos que non son rivais directos, os equipos máis punteiros, saír a por todas”, recalcou Lago.

Como gran hándicap o adestrador salientou o importante número de desprazamentos aos que se ven sometidos os tres equipos galegos, xa que na actual estrutura da liga hai sete equipos vascos, un equipo en Santander e dous en Valladolid, polo que os equipos de Galicia son os que máis teñen que facer o esforzo de viaxar con desprazamentos longos.

Nova campaña de socios

No aspecto social o presidente fixo fincapé en que a idea é continuar co crecemento no número de afeccionados a este deporte, tal e como vén acontecendo ao longo dos últimos anos. “Falamos de 12 equipos que ten a día de hoxe o club, con 250 fichas , o que nos fai unha entidade representativa de Vigo a maiores dun club de elite”, explicou o presidente.

Tras a presentación oficial no campus, este serán terá lugar na cervexaría Estrella Galicia, ás 21.00 horas, a presentación da campaña de socios 2018-2019, un encontro lúdico-festivo que contará coa participación do alcalde, Abel Caballero e o presidente do club, e no que se convidará a todos os asistentes a compartir un petisco neste inicio de tempada.