O Kayak Tudense, terceiro na copa de España

Por o 07/04/2019 | Sección: Deportes,Piragüismo
O Kayak Tudense, terceiro na copa de España
O Kayak Tudense Axuda Paramos finalizou no terceiro posto na Copa de España que se disputou a fin de semana en Asturias. O Club Piragüismo Aranxuez ocupou a primeira posición, mentres o Náutico de Sevilla foi segundo. Entre as tres formacións mantense o duelo e os mesmos lugares da clasificación xeral na liga de Pista Hernando Quella. Desta competición quedan por disputarse dúas probas, outra Copa de España o Campionato de España de verán. Ambos se celebrarán en Verducido (Pontevedra).
 
O conxunto tudense viuse prexudicado, do mesmo xeito que o resto de participantes, polas malas condicións climatolóxicas, que mesmo obrigaron a modificar o horario previsto das regatas. O frío e o vento, acompañados de choiva, foron elementos que deberon soportar os padeeiros dos 76 clubs que se deron cita no encoro de Trasona (Asturias).
 
Ademais do terceiro posto na clasificación xeral por clubs, o Kayak Tudense Axuda Paramos, logrou a medalla de prata en K-4 1.000 metros masculino. Nesta embarcación competiron Sebas Delgado, Pedro Vázquez, Rubén Millán e Raimon Gastaldo. Tamén o K-4 500 metros feminino, formado por Tania Fernández, Leticia Piña, Sara Ouzande e Ana Varela, ocupou a segunda posición. A estes resultados débese engadir o segundo posto de Enrique Míguez e o terceiro de Iñaki López na modalidade de canoa.
 
Unha das mellores noticias para o Kayak Tudense Axuda Páramos foi a medalla de prata conquistada en K-4 500 metros da categoría xuvenil. Lara Fejóo, Nerea Pérez, Nuria Romeu e Lucía Sotelo protagonizaron unha magnífica regata e mantivéronse na loita polo primeiro posto ata a parte final da mesma. Tamén confirman o traballo na canteira do Kaiak Tudense Axuda Páramos.
 
No equipo tudense foi protagonista Roi Rodríguez, que logrou clasificarse para disputar a Copa do Mundo en Duisurg (Alemaña). O padeeiro iniciará dentro dunhas semanas a súa tempada internacional na que ten como obxectivo prioritario o poder clasificarse para os Xogos Olímpicos de Tokio do próximo ano.

Comentar noticia

Your email address will not be published.