O libro solidario Elefantes de papel remata a súa andaina a través de dous peches de proxecto

Publicado por o día 27/06/2018 na sección de A Guarda,Cultura,Eventos,Galicia,Vigo

O libro solidario Elefantes de papel remata a súa andaina a través de dous peches de proxecto

O libro solidario Elefantes de papel remata a súa andaina a través de dous peches de proxecto que terán lugar o xoves, 28 de xuño ás 20.00h. no centro cultural da Guarda e o venres, 29 ás 19.30h. no salón de actos da ONCE en Vigo.

En ambos os dous, os autores desta travesía, María Salinas e Berto Pirata, anuncian un festival cheo de sorpresas con actuacións musicais, obras de teatro, lectura de relatos, proxeccións e moitas anécdotas, e onde, por fin, revelarán o destino dos cartos recadados nunha aventura que comezou alá por xaneiro e que lles levou a facer 52 presentacións sempre da man da Asociación sen ánimo de lucro Conrazones da Guarda.

Con estas despedidas, queren tamén agradecer a todos eses rostros anónimos a súa participación desinteresada, a implicación e o cariño recibido.

Comezan, ao mesmo tempo, unha campaña de recollida de gafas e móbiles que funcionen e que poderán ser entregados os mesmos día nos devanditos lugares.

Elefantes de papel naceu da inquedanza de dous autores noveis por botar unha man. Autopublicaron un libro de relatos curtos que empregaron como ferramenta, sobre todo, para dar visibilidade a pequenas asociacións, colectivos ou ONG´s que fan que a sociedade funcione mellor e da que xa van pola segunda edición.

Abriron unha páxina de Facebook –Elefantes de papel- para darse a coñecer, falaron coa ONCE para que pasase o libro a Braille, visitaron centros da terceira idade, de saúde mental, etc. implicando aos seus usuarios na dramatización dalgúns dos relatos do libro; colexios ou institutos onde organizaron charlas e debates sobre temas sociais, pasaron por Madrid e presentaron en diversas institucións, sempre cun discurso de ánimo e compromiso e coa intención de que estas lecturas foran accesibles a maior cantidade de xente.

Agora o proxecto morre, e con el a posibilidade de adquirir o libro, pero anuncian o inicio doutra aventura da que saberemos máis nas anunciadas despedidas.