O lume do concello ourensán de Lobios, parroquia de Manín afecta unhas 350 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h de hoxe
Publicado por o día 09/08/2020 na sección de Medio Ambiente,Sucesos

O lume do concello ourensán de Lobios, parroquia de Manín afecta unhas 350 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais rexistrados con datos recollidos ata as 13,30 h. de hoxe.

Lobios

Segue activo, dende as 8,00 h. de onte, o incendio do concello ourensán de Lobios, parroquia de Manín, no que faleceu unha persoa e outra resultou ferida ao accidentarse un hidroavión do operativo de extinción portugués. O helicóptero Pesca I da Xunta desprazouse ao lugar para asistir aos ocupantes da aeronave. O ferido, que sufriu varios politraumatismos, foi trasladado a un hospital portugués por un helicóptero medicalizado do país veciño.

Segundo as últimas estimacións, o lume afecta unhas 350 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. No seu control levan traballado 1 técnico, 9 axentes, 25 brigadas, 10 motobombas, 2 pas, 9 avións e 9 helicópteros, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Lobeira

Extinguido ás 10,22 h. desta mañá o incendio rexistrado o venres no concello ourensán de Lobeira, parroquia da Fraga. Segundo as últimas medicións, afectou 30 hectáreas de monte raso no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Para o seu control mobilizáronse en total 8 axentes, 18 brigadas, 10 motobombas, 1 pa, 4 avións e 2 helicópteros.

Muíños

Permanece estabilizado, dende as 00,43 h. de onte, o incendio do concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que se rexistrou a tarde do venres no mesmo lugar onde quedaran extinguidos outros dous lumes a madrugada anterior. Segundo as últimas estimacións, o incendio afecta unhas 50 hectáreas provisionais do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a súa extinción lévanse mobilizado 5 axentes, 20 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 9 avións e 7 helicópteros.

Chandrexa de Queixa

Activo dende as 20,15 h. da tarde de onte un incendio no municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as primeiras estimacións supera as 20 hectáreas. No seu control levan traballado 3 axentes, 9 brigadas, 2 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

Toén

Segue estabilizado, dende as 20,14 h. de onte, o incendio do concello ourensán de Toén, parroquia de Moreiras. Iniciouse a tarde do venres e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 250 hectáreas. Para a súa extinción lévanse mobilizado 2 técnicos, 13 axentes, 34 brigadas, 26 motobombas, 3 pas, 12 avións e 9 helicópteros, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Navia de Suarna

Extinguido ás 13,04 h. desta tarde o lume do municipio lucense de Navia de Suarna, parroquia de Son. Comezou a noite do venres e, segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 92 hectáreas: 60 arboradas e 32 de monte raso. Para o seu control mobilizáronse en total 1 técnico, 8 axentes, 26 brigadas, 17 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Comentar noticia

Your email address will not be published.