O MARCO acollerá entre maio e setembro obras de Picasso, Magritte, Tàpies ou Chillida

O alcalde asinou este xoves un convenio coa Fundación Telefónica para que o céntrico museo vigués acolla algunhas das mostras itinerantes da entidade. Segundo confirmou Abel Caballero, a primeira será “Destacados. Colección Telefónica”, por primeira vez en Galicia, con máis de 150 obras en papel, pintura e escultura que debullan unha panorámica dalgúns dos capítulos máis interesantes da arte do século vinte.
Publicado por o día 28/02/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O MARCO acollerá entre maio e setembro obras de Picasso, Magritte, Tàpies ou Chillida

MARCO e Fundación Telefónica rubricaron este xoves un acordo de colaboración para dar cabida no museo a algunhas das mostras itinerantes da entidade. O acto foi presidido polo alcalde, Abel Caballero, coa participación con concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, a responsable de Coleccións e Itinerancias da Fundación, Laura Fernández Orgaz, e a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez.

A cooperación entre ambas institucións materialízase en primeiro lugar con “Destacados. Colección Telefónica”, unha exposición con máis de 150 das pezas máis salientables da colección. Entre maio e setembro, o MARCO de Vigo acollerá obra en papel, pintura e escultura de artistas como Picasso, Gris, Magritte, Delvaux, Chillida e Tàpies, entre outros.

A mostra recala en Galicia por primeira vez e traza unha panorámica dalgúns dos capítulos máis interesantes da historia da arte do século XX, de dentro e fóra das nosas fronteiras. A importancia das obras non só reside na corrente artística que representan, senón tamén na trascendencia do seu autor e o interese que xeran figuras deste calibre no ámbito cultural e social.

Durante a presentación, Abel Caballero sinalou que Vigo trae aos “artistas máis importantes da historia da humanidade” con esta mostra e engadiu que “Destacados. Colección Telefónica” está chamada a ser a mostra máis importante que acolla o MARCO este ano. O alcalde puxo en valor o acordo coa Fundación e enmarcou esta exposición na nova etapa aberta no centro expositivo vigués.

Comentar noticia

Your email address will not be published.