O MARCO inaugura “Destacados. Colección Telefónica”, con obras de Picasso, Magritte, Tàpies ou Chillida

En colaboración coa Fundación Telefónica, o céntrico museo vigués ofrece desde hoxe xoves esta mostra por primeira vez en Galicia, con máis de 150 obras en papel, pintura e escultura que debullan unha panorámica dalgúns dos capítulos máis interesantes da arte do século vinte. O alcalde, Abel Caballero, participou no acto de apertura.
Por o 16/05/2019 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
O MARCO inaugura “Destacados. Colección Telefónica”, con obras de Picasso, Magritte, Tàpies ou Chillida
Compartir en:

O acto de inauguración desta exposición contou coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e do concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, xunto ao responsable global da área de cultura dixital e Espacio Fundación Telefónica, Pablo Gonzalo, á directora de Telefónica Galicia, Marta Menéndez, e ao director do MARCO, Miguel Fernández-Cid.

Desde este xoves, 16 de maio, e ata o 15 de setembro, o MARCO abre as súas portas á mostra “Destacados. Colección Telefónica”, unha exposición con máis de 150 das pezas máis salientables dos fondos da empresa. Ata setembro, o museo vigués acollerá obra en papel, pintura e escultura de artistas como Picasso, Gris, Magritte, Delvaux, Chillida e Tàpies, entre outros.

A mostra recala en Galicia por primeira vez e traza unha panorámica dalgúns dos capítulos máis interesantes da historia da arte do século XX, de dentro e fóra das nosas fronteiras. A importancia das obras non só reside na corrente artística que representan, senón tamén na transcendencia do seu autor e o interese que xeran figuras deste calibre no ámbito cultural e social.

Ademais, como valor engadido da mostra en Vigo, xunto ás obras da Colección Telefónica, a exposición permite establecer vínculos e diálogos con creadores galegos renovadores, que deron paso á modernidade en Galicia, a través dunha selección de obras procedentes de Coleccións de Museos do Concello de Vigo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.