O MARCO, pechado temporalmente ao público por mor das restricións sanitarias, continúa activo a través de visitas virtuais

O MARCO, pechado temporalmente ao público por mor das restricións sanitarias, continúa activo a través de visitas virtuais e outras propostas, e traballando na renovación das exposicións temporais prevista para os vindeiros meses.

A partir do mércores 27 de xaneiro, de acordo coas disposicións e medidas preventivas das autoridades competentes en materia sanitaria, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, permanecerá pechado temporalmente ata que a nova situación permita a reapertura dos espazos culturais e actividades presenciais. Durante este período, o Museo continuará activo tanto no seu funcionamento interno como na oferta de novas posibilidades aos seus visitantes.

No que atinxe ás exposicións temporais, xunto á preparación da renovación do programa expositivo cara aos vindeiros meses, o público poderá continuar explorando as dúas mostras que actualmente se exhiben en salas —as individuais de Manuel Vilariño e de Celeste Garrido, prorrogadas ata o 4 de abril— grazas ao innovador sistema de rutas virtuais deseñado polo equipo de I+D do Concello de Vigo e desenvolvido e implantado polas empresas Telefónica e Imatia.

Facilmente accesible a través da App Vigo, o novo sistema permite aos visitantes acceder a múltiples contidos (vídeos de artistas e comisarios, imaxes, textos e outra información de interese) sobre as exposicións temporais e outras actividades do MARCO, sexa nos propios espazos mediante os beacons ou dispositivos situados en salas, ou desde calquera outro lugar seguindo a ruta dende a pantalla do móbil, unha vez descargada a aplicación.

Tamén, continúan en marcha outras actividades como o Clube de Lectura #BiblioMARCO, promovido dende a Biblioteca-Centro de documentación, en formato virtual a través da plataforma Zoom. Novidades sobre estas e outras actividades previstas, xunto ao avance de programación de exposicións para os vindeiros meses, iranse comunicando nestas próximas semanas.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM