O mediático chef valenciano Juan Llorca visitará Tomiño na V Semana da Educación

As outras figuras convidadas son tamén recoñecidos profesionais do mundo do ensino: Lola Mondéjar, Pepa Horno e Víctor Arufe

O chef valenciano Juan Llorca, con máis de 23 años de profesión e apaixonado pola nutrición e a alimentación infantil, será unha das catro figuras convidadas este ano para a xa tradicional Semana da Educación Concello de Tomiño, que chega á súa 5ª edición.

Moi coñecido polos seus vídeos de internet, con receitas para nenos e nenas, Llorca é o responsable do comedor da Montessori School, de Valencia, para o cal tivo que pechar o seu propio restaurante. É o creador do movemento en redes sociais #PorUnaEscuelaBienNutrida e @SOSFAMILIAS, contando cun equipo de traballo o seu lado composto por cociñeiros, fotógrafos, deseñadores, etc.

O título da conferencia que impartirá en Tomiño, o martes 11 de febreiro ás 19.00 horas é “A súa alimentación é a túa responsabilidade”, na que abordará o panorama da alimentación infantil no país, sinalando os erros que se cometen habitualmente e os principais problemas e solucións para unha alimentación máis correcta e saudable.

A psicanalista, escritora e docente Lola Mondéjar, articulista e colaboradora regular dos periódicos “La Opinión de Murcia”, “Infolibre”, “eldiario.es” e “Tribuna Feminista”.

Entre as súas obras publicadas atópanse as novelas “Mi amor desgraciado”, “La primera vez que no te quiero” e “Cada noche, cada noche”; os libros de relatos “El pensamiento mudo de los peces”, “Lazos de sangre” e “Qué mundo tan maravilloso”, e os ensaios “El factor Munchausen”, “Una espina en la carne” e “Si digo agua ¿beberé?”.

A conferencia que dará en Tomiño, o xoves 13 de febreiro ás 19 horas, pechando a semana, levará por título “Contracorrente. Educación e pensamento crítico”.

Pepa Horno será a terceira figura convidada a esta V Semana da Educación de Tomiño. Psicóloga e consultora en infancia, afectividade e protección infantil, durante máis de vinte anos coordinou campañas estatais e internacionais para a prevención e erradicación da violencia contra os nenos e nenas. “Educar sen medo” é o título da conferencia que a profesional dará en Goián o día luns 10 de febreiro, tamén ás 19.00 horas. Abordará a auto regulación e a integración emocional

como claves do benestar dos nenos e nenas, e como ensinar a transitar as emocións dende o vínculo afectivo.

O cuarto e último experto convidado é Víctor Arufe, profesor da Facultade de Educación da Universidade de A Coruña e autor do blog “Educación, Innovación e Emprendemento” (http://www.victorarufe.com); creador da plataforma educativa EDUCA e galardoado co Premio Mellor Docente de España 2017, na categoría de universidade.

Autor de numerosas conferencias e artigos técnicos-científicos vencellados á educación publicou varios libros. O último foi “La Educación por Escenarios. Niños educados 24 horas al día, 365 días al año”, no que aposta polo cambio social dende o traballo da boa educación nos fogares. O título da súa conferencia será “Educar na Sociedade Actual. Claves para a boa educación de nenos e nenas”, dirixida a familias, profesorado e comunidade educativa. Abordarase de forma práctica, orixinal e novidosa a educación e explicarase en que consiste o método de educar por escenarios.

Para obter certificado de asistencia é necesario inscribirse con antelación, a través da páxina web municipal (www.tomino.gal), sendo as prazas limitadas.

A concelleira de Educación, Cristina Martínez, convida a todas as familias a participar da V Semana da Educación, explicando que esta é unha actividade que xurdiu coa finalidade de servir de apoio na educación dos fillos e fillas, achegando información da man de expertos en diferentes temas que inflúen na delicada tarefa de educar.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM