A secretaría de Medio Ambiente do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia cualifica de «intolerable» o xeito de proceder de ADIF nas operacións que levaron o ente público a tirar ao río Sil dous vagóns. A presión social e institucional obrigaron o ADIF a retirar os vagóns, unha semana despois dos feitos.
Nas actuacións de retirada do convoi descarrilado, dous dos vagóns presentaban —supostamente— dificultades para a súa retirada, polo que a empresa pública ADIF optou pola solución máis barata economicamente: empurralos cara ao río. «O único prexudicado do sinistro foi o medio ambiente», denuncia CCOO.
Desde a Secretaría de Medio Ambiente sinalan que incluso o ADIF «valoraría que as multas que puidesen sancionar este despropósito serían menos custosas economicamente ca ter cortada a vía por máis tempo».
Porén, tras ser coñecida a noticia, xunto cos vídeos que documentaron a desfeita, ADIF anunciou que retiraría os dous vagóns, para o que tivo que construír vías de acceso e cortar a vía máis tempo ca se fixese todo isto desde o primeiro momento.
«Quedou máis que demostrado que a primeira opción, a de esbandallar os vagóns ao río Sil, tiña outras alternativas máis responsables, menos custosas e sobre todo respectuosas co medio ambiente», puntualiza CCOO.
Desde o sindicato esixen que estes sucesos non se repitan xamais e que se adopten as medidas correctoras suficientes. «O medio ambiente e as contas públicas non deben pagar os custes da incompetencia», conclúe o sindicato.
Noticias de última hora en Vigo