O Meixoeiro disporá de 170 camas novas para os pacientes hospitalizados

O Sergas inviste máis de 400.000 euros euros na adquisición de novo mobiliario para renovar as camas e mesas de noite dos cuartos dos pacientes ingresados do Meixoeiro
Publicado por o día 05/11/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

O Meixoeiro disporá de 170 camas novas para os pacientes hospitalizados

O Servizo Galego de Saúde ven de formalizar a adquisición de mobiliario dirixido á hospitalización do hospital do Meixoeiro. En total vanse renovar 170 camas e 170 mesas de noite dos cartos dos pacientes ingresados, por un importe de 410.371,50 euros -cofinanciado nun 80% cos fondos FEDER-.

Trátase de camas modernas, eléctricas, que permiten maiores prestacións que as actuais e, en consecuencia, son máis cómodas para os pacientes e manexables para o persoal.

O novo mobiliario entregarase xa nas próximas semanas, ao longo deste mes de novembro.

Ademais, adxudicouse tamén mobiliario para o Álvaro Cunqueiro, 25 camas, 25 mesas de noite e 25 sillóns de pacientes por un importe de 74.868,75 euros. Este novo equipamento virá a reforzar os recursos materiais dispoñibles neste centro para facer fronte ao picos asistenciais cunha maior eficacia que permita incrementar a calidade asistencial ofertada aos pacientes.

Estas novas dotacións enmárcanse no Plan Estratéxico da área sanitaria de Vigo, que ten como prioridade a Humanización, recollida na primeira liña do Plan que reza :“O paciente é o primeiro”. Baixo este lema englóbanse unha serie de metas, sendo a primeira, acadar unha Sanidade máis humana. Isto se concreta en diferentes actuacións para humanizar a asistencia, tanto nas infraestruturas -para darlle maior calidez e confort- como na adopción de medidas organizativas para mellorar o benestar de pacientes e familiares, para que a súa estadía no centro sexa o máis cómoda posible.

O Novo Meixoeiro

A renovación do mobiliario do Meixoeiro vai parella á reforma integral que estase desenvolvendo nese hospital co obxecto de modernizar e potenciar ese centro.

Cómpre lembrar que está practicamente rematada as obras de adaptación funcional da Unidade de Mama, Medicina Nuclear e Radioterapia, nas que se invisten catro millóns de euros. A Unidade de mama ampliará e integrará os recursos diagnósticos da mama da área de Vigo, tanto os de cribado poboacional como os de diagnóstico hospitalario, polo que vanse duplicar os espazos actualmente dispoñibles.

En canto ás obras de Medicina Nuclear e da Unidade de Oncoloxía Radioterápica, tamén teñen por obxecto a ampliación dos espazos e unha mellora da distribución dos dispositivos e dos circuítos de atención.

Nos últimos meses, o Hospital Meixoeiro ven de experimentar un forte pulo en canto a investimentos e novas dotacións, o que ratifica o seu papel fundamental actual na configuración do CHUVI, así como o maior protagonismo que irá adquirindo, e que o reconverterá nun hospital totalmente renovado, o “Novo Meixoeiro”.

Así, entre as próximas actuacións tamén cabe subliñar a reforma da súa envolvente térmica para mellorar a cuberta, a fachada e os cerramentos. O obxecto deste proxecto é mellorar a eficiencia enerxética do edificio dacorde coa normativa estatal e europea vixente; controlar o consumo enerxético; posibilitar a introdución de enerxías renovables e edificios sostibles, e contribuír á difusión dunha cultura responsable co coidado do medio ambiente.

En conclusión, estas actuacións representan a aposta clara do Sergas polo impulso á actividade asistencial do Meixoeiro e o firme compromiso institucional coa potenciación deste centro, da súa modalidade asistencial ambulatoria e, sobre todo, da súa capacidade cirúrxica.