O Mercado da Guarda acolleu unha charla sobre hábitos saudables

Publicado por o día 18/06/2019 na sección de A Guarda,Galicia

O Mercado da Guarda acolleu unha charla sobre hábitos saudables

O pasado sábado día 15 de xuño o Mercado da Guarda acolleu unha charla baixo o título «Familia, que comemos hoxe?» dirixida principalmente a familias con nenos e nenas na etapa chamada de primeira infancia.

Os participantes aprenderon sobre os beneficios do produto fresco e de proximidade que ofrece a praza de abastos á hora de elaborar menús saudables e nutritivos.

Nesta charla, impartida por Sandra Baz e que tivo unha duración aproximada de hora e media, empregouse a pirámide nutricional para saber as propiedades e beneficios dos alimentos, facendo despois un percorrido polos diferentes stands do Mercado para, xunto cos praceiros e praceiras, nas seccións de froitas e hortalizas, peixes e carnes.

Esta charla estivo enmarcada na campaña de Dinamización comercial «Clic ao Mercado» para  atraer ao sector máis xove da cidadanía para que merque no Mercado da Guarda, e na que se inclúe tamén o sorteo de 5 bolsas de compra por importe de 70€, que axudará a que este segmento da poboación sinta interese e se achegue ata este espazo comercial, tan importante para a vila.

Continúa o Concurso Clic ao mercado

Ata o 28 de xuño, en colaboración cos comerciantes do Mercado de Abastos Municipal da Guarda, lanzouse un Concurso a través da Páxina de Facebook do «Mercado de A Guarda» para o Sorteo de 5 Bolsas de 70€ de compra nos establecementos do mercado.

Esta campaña de promoción pretende achegar a xuventude e mocidade guardesa  ao Mercado de Abastos Municipal, incentivando as compras neste sector da poboación e promovendo hábitos de alimentación saudable.

A Campaña “Clic ao Mercado” está destinada á mocidade con idades comprendidas entre os 18 e 35 anos, que poderán entrar no concurso de cinco bolsas por valor de 70 euros para mercar en, como mínimo, tres establecementos das distintas seccións do mercado(carnes, peixes, froitas e hortalizas).

Para poder participar, as persoas interesadas terán que darlle a me gusta, compartir e comentar na imaxe da campaña a través da páxina de Facebook oficial do Mercado da Guarda en Facebook etiquetando a dous amigos/as entre o 27 de maio e o 27 de xuño.

Os resultados do sorteo farase público o 28 de xuño e as bolsas poderán utilizarse ata o 28 de xullo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.