O mercado europeo de saídas a bolsa sofre no primeiro trimestre do ano e cae a niveis de 2009

Entre xaneiro e marzo, rexistráronse un total de 32 OPVs en Europa, polas 61 do mesmo período de 2018. O valor das saídas a bolsa tamén caeu substancialmente: de 13.100 a 700 millóns de euros.
Publicado por o día 19/04/2019 na sección de Economía

O mercado europeo de saídas a bolsa sofre no primeiro trimestre do ano e cae a niveis de 2009

O mercado europeo de saídas a bolsa non empezou ben o ano. Entre xaneiro e marzo, as prazas bolsistas europeas rexistraron un total de 32 saídas a bolsa, polas 61 que tiveron lugar no mesmo período de 2018, o que supón un descenso do 46%, segundo o Observatorio Europeo de Saídas a Bolsa, que trimestralmente elabora PwC. A actividade tampouco foi moi positiva se a vemos en termos de valor total das operacións: caeron desde os 13.100 millóns de euros levantados no primeiro trimestre de 2018 ata os 700 millóns de euros do mesmo período deste ano. E o tamaño medio das OPVs tamén se reduciu drasticamente, de 190 a 21 millóns de euros. Estamos a falar do nivel de actividade máis baixo, tanto por número de operacións como polo seu valor, desde o ano 2009.

Detrás desta forte caída do mercado de saídas a bolsa en Europa está a incerteza xeopolítica internacional, o Brexit e a deterioración das expectativas de crecemento dentro da propia Unión Europea. Por prazas bolsistas, a Bolsa de Londres é, a pesar de todo, a que máis liquidez mobilizou -con 557, millóns de euros e cinco OPVs-, seguida da Bolsa Italiana -48 millóns e seis saídas a bolsa-, e a Bolsa de Bruxelas ( Euronext Brussels) -28 millóns e unha operación-. A Bolsa Española, pola súa banda, rexistrou sete saídas ao MAB, por un valor de tres millóns de euros.

Por sectores, o máis activo foi o financeiro con once operacións, a maior delas a do fondo Schiehallion, por valor de 421 millóns de euros, seguido do sector de servizos coa OPV do despacho de avogados británico DWF, por 110 millóns de euros e, en terceiro lugar, do sector de saúde, coa saída a bolsa de Sequana Medical, por 28 millóns de euros.

A nivel mundial, o contexto de incerteza tamén pasou factura ao mercado de saídas a bolsa. Entre xaneiro e marzo, o número de OPVs no mundo caeu un 41%, ata as 173 operacións, e o seu valor, comparado co mesmo período de 2018, descendeu un 64% ata os 19.100 millóns de dólares.

Comentar noticia

Your email address will not be published.