O Mes da Emigración Meca homenaxe a Paco Lores

O acto terá lugar mañá, ás 19.30 horas na Rúa Castelao.
Publicado por o día 20/09/2018 na sección de Galicia,O Grove

O Mes da Emigración Meca homenaxe a Paco Lores

O Grove, 20 de setembro de 2018. Dentro da programación deseñada polo Concello do Grove para celebrar o Mes da Emigración Meca, mañá terá lugar o seu acto central. A partir das 19.30 horas a rúa Castelao acollerá a homenaxe a Paco Lores, falecido hai agora un ano. No mesmo estará presente a súa viúva, Dolores Doural, e a súa filla, a cantante Lorena Lores, que viaxaron expresamente dende Bos Aires para para participar no acto. Tamén estarán presentes o Alcalde, Jose Cacabelos e a Concelleira de Turismo e Cultura, Emma Torres e o sindicalista Manuel Mera co que compartiu militancia política na década dos 60 na Arxentina, a escritora e membro do Consello da Cultura Galega, María Xosé Porteiro e o político e profesor Xosé Manuel Beiras. As actuacións musicais correrán a cargo de Pedro Magariños e a propia Lorena Lores.

Francisco Lores Mascato (o Grove, 1934- Bos Aires, 1971) foi o gran valedor dos dereitos dos emigrantes galegos e dos residentes españois na República arxentina, á que el emigrou con dezaoito anos. A súa traxectoria e significación na defensa dos dereitos das persoas emigradas valeulle o recoñecemento dos gobernos cos que tivo que enfrontarse moitas veces, ben reclamando o dereito ao voto, ben esixindo melloras nas condicións de vida das comunidades emigradas. Neste ano o Consello da Cultura Galega concedeulle a súa primeira medalla de ouro a título póstumo que concede esta institución.

A súa intervención cultural foi notoria, dinamizando as actividades que durante décadas desenvolveu a comunidade dos Fillos do Grove en Bos Aires, da que foi directivo, organizando exposicións, cursos, conferencias, edicións e visitas da intelectualidade galega, como as do escritor Manuel Lueiro. Neste mes inaugurouse o Museo da Emigración Paco Lores, un centro de interpretación dos valores, expresións dos méritos e padecementos da comunidade emigrante.

De Paco Lores destaca o seu carácter de firmeza nos valores ideolóxicos que abrazou, sendo militante do Partido Comunista, e do Bloque Nacionalista Galego, pasando finalmente á independencia crítica por discrepancias coas políticas que pretendían retirar o dereito ao voto ás persoas emigradas; mais tamén a súa capacidade de xestionar os máis complicados asuntos coas máis altas representacións políticas ás que tivo que demandar dereitos cidadás, como os ex presidentes González, Aznar, Fraga, Pérez Touriño ou Zapatero, actuando como Presidente do Consejo de Residentes españoles, ou como Presidente da Federación das Sociedade Galegas. Sen dúbida o paso do tempo incrementa valor á traxectoria deste reivindicativo personaxe ao que as comunidades emigradas chababan o comandante.