O mieloma múltiple, paso a paso

O Hospital Álvaro Cunqueiro acolleu unha xornada de información sobre este tipo de cancro, o segundo tumor de sangue máis frecuente tras o linfoma
Publicado por o día 30/09/2018 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

O mieloma múltiple, paso a paso

Informar aos profesionais, aos pacientes e á cidadanía en xeral dos aspectos máis relevantes sobre o mieloma múltiple. Foi o obxectivo da xornada informativa que se celebrou no Hospital Álvaro Cunqueiro, organizada polo servizo de Hematoloxía do CHUVI e pola Asociación Española de Afectados por Linfoma, Mieloma e Leucemia (AEAL).

O mieloma múltiple prodúcese pola alteración xenética de células plasmáticas que derivan da medula ósea e que forman parte do sistema inmunolóxico de cada persoa.

As intervencións que se realizaron durante a xornada, aberta ao público en xeral, centráronse en analizar os aspectos máis frecuentes da enfermidade e a influencia que o mieloma ten nos pacientes diagnosticados e nos seus modos de vida.

A doutora Carmen Albo, xefa do servizo de Hematoloxía do CHUVI, foi a encargada de abrir a xornada cunha disertación sobre os síntomas, o diagnóstico e os actuais tratamentos do mieloma múltiple.

“Trátase de dar información sobre esta patoloxía, que é un cancro no sangue, o segundo hematolóxico en canto ao número de diagnósticos só por detrás do linfoma”, afirmou a doutora Albo

A segunda das intervencións estivo a cargo de María Rivas, psicooncóloga da AEAL, que falou sobre os hábitos saudables e a importancia do apoio psicolóxico para os pacientes que sofren esta enfermidade.

“É un cancro para o que non hai cura, pero si se pode traballar para aumentar o período de supervivencia dos pacientes. Estamos nesa liña no servizo. Os tratamentos son cada vez máis eficaces e a lonxevidade das persoas que padecen o mieloma múltiple aumentou considerablemente nos últimos anos”, explicou a doutora Carmen Albo.

Tratamento

De feito, cos tratamentos que aparecen tras as últimas investigacións os índices de supervivencia aumentan considerablemente. “No ano 2000 había un índice dun 30% e nun período de cinco anos, que é o que se debe medir para analizar a evolución, ese índice duplicouse”, indica a xefa do servizo de Hematoloxía do CHUVI, un dos cinco mellor valorados polos pacientes na enquisa de satisfacción do primeiro semestre deste ano.

En ningún caso, polo menos ata agora, chégase a curar esta enfermidade. Os futuros tratamentos baséanse na inmunoterapia, é dicir en mellorar o sistema inmunolóxico do paciente e mellorarán sen dúbida a situación actual.

Con todo, o apoio psicolóxico tamén é importante, tanto para os pacientes como para os familiares ou achegados. “Por ese motivo pareceunos boa idea a proposta da Asociación Española de Afectados para organizar esta xornada, xa que o apoio a enfermos e as súas familias é o seu labor principal”, subliña a doutora Albo.

Prevalenza

No servizo de Hematoloxía do CHUVI diagnostícanse ao ano entre 14 e 16 novos casos de pacientes con mieloma múltiple.

“Aínda que esa cifra podería parecer pequena, non o é, xa que dada a longa supervivencia actual, no noso servizo mantemos en seguimento a uns 200 pacientes con mieloma”, subliña a doutora Carmen Albo.

De aí a importancia de difundir esta enfermidade para que os pacientes e as súas familias entendan de que se trata, e de como mellorar no posible a calidade de vida de quen ten que convivir con esta patoloxía.