O MODEPEN apoia as mobilizacións dos profesionais da sanidade pública da área de Vigo

Por o 26/12/2018 | Sección: Galicia,Social,Vigo
O MODEPEN apoia as mobilizacións dos profesionais da sanidade pública da área de Vigo

As persoas pensionistas somos un grupo da poboación que, por diversos motivos (idade,…) precisamos máis coidados sanitarios que outros, motivo polo que estamos especialmente interesados en que os profesionais de saúde que nos atenden poidan facer ben o seu traballo, para o que precisan dunhas condicións laborais dignas.

Por estes motivos, que vemos con especial preocupación o actual proceso de deterioro progresivo do sistema sanitario público galego. Ese deterioro, está afectando á saúde dos sectores máis vulnerábeis da poboación (nenos/as, persoas maiores, discapacitados/as, …), e ten unha das súas mais rechamantes manifestacións nas insoportábeis condicións nas que teñen que realizar o seu traballo moitos dos profesionais da sanidade pública. Contra esas precarias condicións de traballo se están mobilizando, arestora, os profesionais da saúde de Atención Primaria (AP) de Vigo e doutras localidades (Moaña, Cangas, Santiago, Cuntis, …), fartos do déficit crónico de profesionais, da sobrecarga asistencial, das consultas masificadas, das dificultades burocráticas sen fin…

No Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN), temos claro quen ten a principal responsabilidade deste progresivo deterioro da nosa AP: os salvaxes recortes orzamentais acumulativos postos en marcha desde hai anos pola Xunta de Galicia. A actual Xunta, non ten como prioridade a defensa e mellora da sanidade pública, e demostra a cotío que non lle ten querenza, pois os seus responsábeis saben ben que o seu deterioro e desprestixio é unha condición necesaria para poder logo xustificar a súa progresiva privatización.

Desde o MODEPÉN queremos manifestar publicamente a nosa solidariedade cos profesionais de saúde da Área Sanitaria de Vigo, e de toda Galicia, que están a loitar pola mellora das súas condicións laborais, así como pola mellora da calidade da Atención Primaria, e do conxunto do Sistema Sanitario Público Galego. As persoas que formamos parte do MODEPEN participaremos activamente na manifestación que, en defensa da Atención Primaria e dos seus profesionais, terá lugar en Vigo, o próximo día 27/12/2018 (xoves), con saída desde o PAC da Rúa Pizarro ás 20:00horas.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.