O monstro foi Terry Bywater

Publicado por o día 02/11/2019 na sección de Deporte Adaptado,Deportes,Galicia,Vigo

O monstro foi Terry Bywater

Non houbo nin truco nin trato en Bouzas. Terry Bywater evitouno. Cunha sensacional actuación individual asinando 43 puntos, o británico foi un constante pesadelo para a defensa viguesa. E no último cuarto converteuse nun auténtico monstro para sementar o pánico na bancada do Pavillón Pablo Beiro. Anotou 16 puntos nos dez minutos decisivos, cando máis queimaba o balón e despois de que a base de traballo e máis traballo e cunha boa defensa presionante o Iberconsa Amfiv ameazase con plantar cara ao vixente campión de Liga e Copa do Rey (46-49, min.30). Con todo, a exhibición do xogador inglés do Ilunion abortou o conato de rebeldía local. Con senllos parcial de 0-10 case consecutivos, nos que Bywater anotou 14 dos seus puntos, os madrileños certificaron o triunfo e asinaron un marcador final quizais demasiado amplo para o visto sobre a pista viguesa.

O inicio de partido, a pesar de todo, facía pensar nunha mala tarde para o Iberconsa Amfiv. #Ante un rival con catro xogadores moi altos ( Bywater, Latham, Alejandro Zarzuela e Amadou Diallo), os locais atascábanse en ataque, repetindo os fallos en accións aparentemente sinxelas de fai sete días en Valladolid, e tiñan serios problemas en defensa. Latham e Bywater eran unha ameaza no tiro mentres Zarzuela aproveitaba o mínimo oco para plantarse só debaixo do aro. Case cinco minutos tardou o conxunto de César Iglesias en conseguir a súa primeira canastra. Para entón o marcador reflectía xa un preocupante 0-12. Tocaba empezar a remar.

E o Iberconsa Amfiv púxose a iso. Dous tiros libres suturaban algo a ferida (9-16, min.8) pero unha canastra de Alejandro Zarzuela para pechar o cuarto volvía abrila (9-20, min.10). As faltas persoais empezaban tamén a xogar un papel importante. Latham cometía pronto a súa terceira e o seu técnico optaba por envialo ao banco dando entrada a Pablo Zarzuela no seu lugar mentres que Vilas facía tamén o seu terceira pero César Iglesias optaba por arriscar. A aposta do técnico vigués deu resultados porque unha serie de boas accións do xogador de Sabarís obrigaron a Miguel Vaqueiro, adestrador de Ilunion, a solicitar tempo morto. O Iberconsa estaba xa no partido (19-25, min.15). Con todo, 9 puntos de Bywater, con canastón incluído sobre a bucina do descanso, volvían poñer as cousas costa arriba ao intermedio (25-38, min.20).

O regreso á pista tras o intermedio traía malas noticias para o Iberconsa. César Iglesias era castigado cunha técnica tras reclamar unha falta de Shelley Cronau e Ilunion aproveitaba para aumentar a súa renda (27-42, min.21). Con todo, esa decisión arbitral pareceu espertar de novo aos vigueses, que encadearon un parcial de 15-2 grazas a unha presión moi efectiva e a un ataque moito máis fluído e dinámico. Partira outra vez (42-44, min.27) aínda que Bywater, implacable, evitaba que os locais puidesen culminar a remontada e poñerse por diante (46-49, min.30).

O británico completou a súa actuación estelar nos dez minutos decisivos. Oito puntos seus para un parcial de 0-10 obrigaron a César Iglesias a gastar dous tempos mortos para tentar manter aos seus no encontro (46-59, min.33). Alejos entendía a mensaxe e cun triplo e unha canastra apuraba as últimas opcións do Iberconsa de plantar cara ao seu rival (51-59, min.34). Porque Bywater lideraba con outros seis puntos un novo parcial de 0-10 para poñer o marcador en 51-69 e pechar, agora xa si, o triunfo do Ilunion. Os nenos vigueses xa teñen un novo monstro para disfrazarse o próximo Samaín.

IBERCONSA AMFIV – ILUNION 57-75

IBERCONSA AMFIV: Agustín Alejos (29), Shelley Cronau (-), Salvador Sandoval (8), Julio Vilas (10), Lewis Edwards (6) –cinco inicial-, Sam Mack (-), Lorenzo Envó (4) y Franco Alessandrini (-).

ILUNION: Alejandro Zarzuela (17),Bill Latham (8), Amadou Diallo (3), Pablo Lavandeira (-), Terry Bywater (43) –cinco inicial-, Josema Conde (-) y Pablo Zarzuela (4).

PARCIALES: 9-20, 25-38 (descanso), 46-49 y 57-75 (final).

ÁRBITRO: Manuel Fernández, Jorge González y Patricia Díez. Sin eliminados.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á terceira xornada disputado da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas no Pavillón Pablo Beiro de Bouzas.