O Mos Xuvenil ascende a Primeira Autonómica

Os xogadores da Unión Deportiva Mos foron protagonistas esta tarde dunha recepción municipal
Por o 13/04/2018 | Sección: Galicia,Mos
O Mos Xuvenil ascende a Primeira Autonómica

Esta tarde celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos unha recepción ao equipo Xuvenil da Unión Deportiva Mos, que ven de proclamarse campión de Liga a falla aínda de dúas xornadas por disputar.

Os xogadores da Unión Deportiva Mos Xuvenil foron recibidos e felicitados pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes mosense, Baldomero Lorenzo, e demais membros da Corporación Municipal que destacaron o labor, a valía, o esforzo, o espíritu deportivo e a capacidade de superación destes rapaces.

O Unión Deportiva Mos Xuvenil leva de líder na clasificación dende case o comezo de tempada. Antes do mes de decembro de 2017 xa encabezaban a táboa e durante todos estes meses lograron manter o liderato. A tan só dous partidos para finalizar a Liga, o equipo mosense xa ten o título no seu haber. Título que implica un ascenso de categoría a Primeira Autonómica.

Dende a Unión Deportiva Mos, o seu presidente, Pablo Alonso Serodio, e o seu director deportivo, Cristian Taibo Lorenzo, consideran que “este logro chega na liña do bo traballo de formación que se está a facer dende a canteira da U.D. Mos”. Alonso Serodio e Taibo acompañaron esta tarde aos xogadores durante a recepción, xunto co seu adestrador, Wilson Soares.

O Mos Xuvenil considera ós rivais contra os que se enfrontará nos dous vindeiros e últimos partidos de Liga, “rivais difíciles”, pero aseguran que sairán ao terreo de xogo “a desfrutar e sen presión”, coa tranquilidade que dá saír ao campo co título de liga nas mans.

A vindeira tempada o grupo de xogadores que actualmente integra o equipo do Mos Xuvenil manterase prácticamente intacto. Trátase dun equipo con integrantes moi novos.

Tanto o presidente coma o director deportivo e o resto da directiva do clube aseguran sentirse “moi orgullosos da hazaña acadada por estes rapaces. Dende logo o máis importante no vestiario e no terreo de xogo é o bo ambiente e a formación deportiva, pero cando se dá un éxito desta envergadura é un claro indicador de que algo se está a facer ben”.

As expectativas e propósitos do equipo para o ano que ven son competir o mellor posible na nova categoría e, co tempo, ir marcándose novas metas e obxectivos.

Pablo Alonso Serodio e Cristian Taibo destacaron o gran labor realizado nesta proeza do Mos Xuvenil por parte do seu adestrador, Wilson Soares, asegurando que “gran parte do mérito deste éxito deportivo é súa, e do gran traballo levado a cabo como técnico”.

A día de hoxe, na Unión Deportiva Mos son xa máis de 250 licenzas de xogadores e xogadoras. E continúan abertos a novas incorporacións, sobre todo nas categorías de fútbol base.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.